A USC impulsa o desenvolvemento do Courel cun obradoiro de preparación e cociña de carnes de vacún con produtos da terra

A USC organiza o vindeiro 18 de decembro no CPI Poeta Uxío Novoneyra de Seoane do Courel o obradoiro ‘A cociña das carnes de tenreira, vaca e boi: aproveitamento, corte, tratamento e preparacións con produtos da terra’, unha actividade formativa dirixida prioritariamente aos profesionais de hostalería ou restauración das comarcas de Courel e Ancares interesados en ampliar coñecementos sobre o aproveitamento e tratamento das carnes de tenreira, vaca e boi: a súa maduración, técnicas de corte e preparación cos distintos produtos da terra (castañas,
cogomelos, hortalizas e verduras...), a fin de mellorar así a calidade da súa oferta de produtos e servizos a clientes e turistas.
Este programa formativo e de dinamización socioeconómica da montaña luguesa encádrase dentro do proxecto que recibe financiamento da Deputación Provincial de Lugo e cuxa organización tamén colaboran o Concello de Folgoso do Courel e a Asociación para o Desenvolvemento Rural da Serra do Courel.
O obradoiro, que se desenvolverá en quenda de tarde, de 17.00 a 20.30 horas, é de carácter gratuíto e estará impartido por Héctor López, chef do Restaurante España de Lugo. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición de balde ata o luns 17 de decembro a través do enderezo de correo electrónico proxecto.micoloxia [at] usc.es (proxecto[dot]micoloxia[at]usc[dot]es) ou no número de teléfono 982 83 137. O número de prazas está limitado a 24 participantes.