Ir o contido principal

A USC impulsa o desenvolvemento rural coa formación de asesores agrarios

Paisaxe de viticultura
Paisaxe de viticultura
O reitor da USC, Antonio López, asina convenios con seis entidades luguesas por 13.400 euros para celebrar no Campus de Lugo tres cursos de capacitación avalados por Cecra
Lugo

A USC impulsa o desenvolvemento do medio rural na provincia de Lugo a través da celebración no Campus de Lugo de tres módulos formativos en moderación e asesoramento rural, mediación e xestión da innovación, programas acreditados pola Academia Europea de Asesoramento Rural (ILAB) coa certificación Cecra nos que participan como alumnado 13 persoas que desenvolven cometidos técnicos en media ducia de asociacións e Grupos de Desenvolvemento Rural operativos na xeografía luguesa.

O desenvolvemento destes programas de formación específica é o obxecto do convenio que vén de asinar na delegación territorial da Xunta en Lugo o reitor da USC, Antonio López, cos presidentes do GDR-1 Asociación Terras de Miranda, Vidal Martínez-Sierra; GDR-2 Asociación de Desenvolvemento Comarcal de Terra Chá, Fe Legaspi; GDR-3 Montes e Vales Orientais, José Fernández Fernández; GDR-4 ADR Comarca de Lugo, José Ángel Santos; GDR-5 Asociación Miño Ulla, Ramiro Moure Ansear, e GDR Ribeira Sacra  Courel, José Manuel Arias López.

O reitor da USC defendeu na súa intervención o cometido activo da USC como axente de transformación do territorio e da súa sociedade, unha función que está aliñada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e para a que tamén solicitou a colaboración das administracións, empresas e do tecido produtivo. Neste mesmo senso, os responsables políticos presentes tamén salientaron o fondo compromiso das súas administracións coa posta en valor do medio rural.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro Orol; o director da Asociación Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Ángel Pérez Dubois, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o director do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría, Martín Barrasa Rioja, ademais dalgúns xestores dos GDRs, tamén participaron no acto protocolario de sinatura dos convenios para impartir formación Cecra e cuxo importe global acada a suma de 13.400 euros.

A posta en marcha deste programa formativo en competencias de asesoramento rural responde a unha demanda formalizada desde os propios GDRs en aras a mellorar e acadar un maior grao de eficiencia do traballo que xa vén realizando o seu persoal técnico, profesionais que na súa maioría contan con titulacións universitarias relacionadas cos ámbitos agrarios e forestais, veterinaria ou outras áreas ligadas á actividade empresarial e económico ou do mundo do Dereito.

A celebración destes tres novos cursos de asesoramento segundo o estándar europeo de certificación Cecra (Certificado de Consultores en Áreas Locais), é viable, cando menos en parte, grazas ao apoio económico prestado desde 2018 pola Consellería de Medio Rural á formación de asesores e mediadores.

A ligazón da USC con estes programas de formación específica é incluso anterior e remonta a súa orixe a 2016, segundo lembra o coordinador deste programa de aconsellamento rural, o tamén profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, Florentino Díaz Rodríguez. Nos últimos anos, a USC ofertou un total de 40 módulos Cecra, nos que participaron un total de 130 alumnos, que completaron dous ou máis cursos.

Módulos en curso

Os tres módulos de formación Cecra que se desenvolven ao abeiro deste convenio teñen por títulos Práctica da moderación no asesoramento rural, fundamentos da mediación e aplicación, e xestión da innovación. Cada un dos cursos ten unha carga lectiva de dous créditos ECTS e as sesións formativas de carácter presencial desenvólvense de xeito intensivo durante dúas xornadas de traballo, nas que se sigue unha metodoloxía activa e participativa. As persoas participantes deben presentar ao remate de cada módulo unha memoria resumo do curso realizado.

 

Responsables políticos e académicos, trala sinatura de convenios para a formación de asesores rurais na delegación luguesa da Xunta de Galicia
Responsables políticos e académicos, trala sinatura de convenios para a formación de asesores rurais na delegación luguesa da Xunta de Galicia
O reitor, no centro, con responsables políticos e académicos na sinatura dos convenios na delegación da Xunta en Lugo
O reitor, no centro, con responsables políticos e académicos na sinatura dos convenios na delegación da Xunta en Lugo