A USC impulsa a investigación con preto dun millón de euros
A Vicerreitoría de Investigación e Innovación publicará durante o exercicio 2020 un Programa de Convocatorias e Axudas á Investigación dotado con preto dun millón de euros. O obxecto desta iniciativa é incentivar a publicación en aberto nas máis prestixiosas publicacións do JCR e outras bases de datos de recursos bibliográficos electrónicos de referencia. Asemade, tamén se destinarán fondos para a organización de congresos e reunións científicas, para a mobilidade de investigadores predoutorais e posdoutorais, para contratos de iniciación á investigación, para a captación e retención de investigadores posdoutorais, así como para co-financiar os custos asociados aos traballos de asesoramento ou consultaría na preparación e redacción de propostas destinadas ao Consello Europeo de Investigación. O programa tamén contempla axudas a institutos de investigación.
No relativo ao financiamento de publicacións en aberto, poderase co-financiar a factura correspondente á cota de edición dos artigos publicados ou aceptados sen financiamento previo entre o 1 de decembro de 2019 e o 30 de setembro de 2020. Poderán solicitar estas axudas os investigadores asinantes da respectiva publicación que figuren adscritos a un Grupo de Investigación da USC e que presenten conta ORCID activa e actualizada a 2020 no momento de solicitar a axuda. O financiamento deste eido ascende a un importe máximo de 50.000 euros. O máximo a percibir por axuda será de 3.000 euros. A convocatoria terá dous prazos de solicitude nos meses de abril e setembro e está co-financiada no marco do convenio de colaboración para o desenvolvemento de novas accións de I+D+i entre a Consellaría de Educación, Universidades e Formación Profesional e Ordenación Universitaria e a USC para o ano 2020.
Os congresos de relevancia, preferentemente internacional, cunha asistencia estimada superior ao centenar de participantes, tamén poden percibir ata 3.000 euros por axuda, ascendendo a cantidade total a destinar neste ámbito a 70.000 euros. A convocatoria terá tamén dous prazos de solicitude correspondentes aos meses de abril e setembro e está co-financiada, ademais de pola Xunta de Galicia, pola Deputación da Coruña.
Asemade, está previsto que no mes de marzo se abra a convocatoria destinada a financiar a mobilidade de investigadores predoutorais e posdoutorais. O financiamento da presente convocatoria ascende a un importe máximo de 135.000 euros e o máximo a percibir por axuda será de 1.100 euros cunha reserva inicial de 16 estancias por cada unha das grandes áreas. Estas axudas están co-financiadas polo Banco Santander no marco do Convenio de colaboración asinado para o exercicio 2020.
Impulso ao inicio da carreira investigadora
O programa quere promover e facilitar a incorporación de alumnado de mestrado a grupos de investigación. As axudas están destinadas a financiar un contrato temporal de entre seis e nove meses, a tempo parcial de estudantes novos que vaian a desenvolver o seu traballo de fin de máster (TFM) baixo a dirección dun investigador adscrito a un grupo de investigación. O financiamento da presente convocatoria ascende a un importe máximo de 125.000 euros e o máximo a percibir por axuda será de 1.000 euros. Estas axudas están tamén cofinanciadas polo Banco Santander.
No caso dos investigadores posdoutorais e tamén coa axuda do Banco Santander, destinarase un importe máximo de 250.000 euros e o máximo a percibir por axuda será de 62.500, incluídos todos os custos do contrato e a mochila de apoio á investigación, cunha reserva inicial dunha praza por cada área de coñecemento. A duración do contrato será de catro anos.
Consello Europeo de Investigación
A Vicerreitoría de Investigación e Innovación abre tamén unha Liña de Axudas destinadas a co-financiar os custos asociados aos traballos de asesoramento ou consultaría na preparación e redacción de propostas a presentar ao Consello Europeo de Investigación (ERC). Esta Liña de Axudas estará aberta ao longo do ano 2020 estando dirixida a aquelas propostas formalizadas a través da Unidade de Proxectos Europeos da Vicerreitoría de Investigación e Innovación que se teñan presentado ou se presenten no marco das convocatorias xestionadas polo ERC. O máximo a percibir por axuda será unha cantidade de 2.000 euros, ascendendo a totalidade que se destinará a este eido a 15.000 euros. A convocatoria publicarase en marzo.
Axudas a institutos
As axudas a institutos de investigación estarán estruturadas en dúas liñas. Unha delas céntrase en proxectos de investigación colaborativos e está dotada con 126.000 euros; mentres que a segunda diríxese a contratos de iniciación á investigación e nútrese con 105.000 euros. Ambas as dúas convocatorias está previsto que se publiquen no mes de marzo. O financiamento das axudas aos Institutos de Investigación efectuarase no marco do Convenio coa Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional.
A todas estas axudas haberá que sumar as achegas que a USC realizará a Grupos de Investigación, Institutos e Centros Singulares pola súa produción científica.