Ir o contido principal

A USC impulsa un Programa de Formación a Demanda para satisfacer as necesidades de empresas e institucións

O Programa de Formación a Demanda busca satisfacer as necesidades de institucións e empresas. Imaxe de arquivo.
O Programa de Formación a Demanda busca satisfacer as necesidades de institucións e empresas. Imaxe de arquivo.
Estas actividades formativas poderán ser impartidas en modalidade presencial, semipresencial ou en liña e abarcan todas as áreas de coñecemento
Lugo, Santiago de Compostela

Satisfacer as necesidades formativas que podan xurdir no cadro de persoal dunha empresa ou dunha institución, ese é un dos obxectivos primordiais do novo Programa de Formación a Demanda que dende este mesmo ano está a impulsar o Centro de Estudos Propios da USC. A entidade solicitante pode pedir formación para os seus empregados, socios, asociados ou colexiados e, unha vez superado o curso, expediráselles o diploma acreditativo da formación recibida no que constará a denominación do curso, o número de créditos e as materias cursadas.

As distintas actividades estarán sempre orientadas á formación e dirixidas a colectivos determinados, tendo en conta as súas particularidades e necesidades formativas. Así, os cursos deste Programa de Formación a Demanda poderán ser impartidos en modalidade presencial, semipresencial ou en liña, e abarcan calquera das áreas de coñecemento e os distintos perfís profesionais da USC.

A matrícula nestes cursos deberá formalizarse ante a Universidade aínda que as propias entidades poderán facerse cargo dos costes da matrícula do seu cadro de persoal. Para a superación do curso, a dirección poderá establecer os criterios de avaliación que se consideren pertinentes e que deberán ser publicados na oferta do mesmo.

Pola súa parte, servizos, centros, departamentos ou grupos de investigación da USC tamén poden solicitar ante o Centro de Estudos Propios, actividades formativas específicas financiadas con recursos propios. Este tipo de cursos específicos son actividades formativas breves nas que a unidade impulsora pode seleccionar ao alumnado dentro dun colectivo determinado, sen necesidade de ter matrícula aberta.

Oferta diversa

Nos primeiros meses de andadura do programa de formación a demanda, téñense impartido baixo estas características cursos de liderado, dirección e xestión de equipos en centros de persoas maiores; marketing internacional; marketing no sector da automoción; e marketing internacional de produtos alimentarios. As empresas interesadas poderán solicitar axudas á Fundación Estatal para a Formación no Emprego (FUNDAE).

A actual oferta de cursos do Programa de Formación Específica e a Demanda pode consultarse nesta ligazón. O Centro de Estudios Propios ofrece asesoramento técnico para conformar as propostas a través do enderezo electrónico cep [at] usc.es (cep[at]usc[dot]es) e dos teléfonos 881814363 e 881814409.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.12.2019.