A USC incorpora a Martha C. Nussbaum e Michael Keating ao seu claustro de doutoramentos ‘honoris causa’
Martha C. Nussbaum e Michael Keating, figuras senlleiras para entender as Ciencias Sociais do século XXI, integran dende este luns 18 o claustro de doutoramentos honoris causa da USC. Trátase de dúas personalidades “que nos achegan luz e criterio para mellor cumprir coa función da Universidade”, dixo o reitor da USC Antonio López Díaz, quen tamén deu as grazas ás facultades de Filosofía e de Ciencias Políticas e Sociais por propoñer, respectivamente, estes dous novos doutoramentos. Segundo Antonio López, estes son dous centros que “nos orientan en como pensar, coñecer e actuar”, dixo. “Con Martha C. Nussbaum e Michael Keating sumamos dúas voces universais para demandar paz e diálogo e levantar a bandeira dos dereitos humanos”, afirmou.
Nussbaum
Martha C. Nussbaum centrou a súa intervención nos animais non humanos aos que definiu como “peregrinos” xa que se desprazan constantemente na procura dunha contorna estable na que vivir. A profesora Nussbaum reflexionou sobre como “os animais sofren a xustiza nas nosas mans” e lembrou, neste senso, que “a dominación humana esténdese por todos os eidos”, dende o mar, pasando polo aire e, por suposto, tamén na terra. Nussbaum, “clásico vivo do pensamento universal” —en palabras do seu padriño de doutoramento honoris causa Martín González Fernández—, é recoñecida en todo o mundo como a ‘filósofa das emocións’. Nussbaum amosouse esperanzada na construción dun mundo que respecte os dereitos dos animais, loita na que tamén estivo involucrada a súa filla Rachel finada en 2019.
O profesor González Fernández debullou a traxectoria da filósofa, a súa trintena de libros e centos de artigos, destacando que se trata dunha das “grandes pensadoras, nos eidos da filosofía práctica, ética e política, economía, dereito, educación, das Humanidades, dende una posición concreta: o seu liberalismo político”. “Imaxina unha orde mellor no marco das democracias formais do primeiro mundo”, sinalou na súa laudatio González Fernández. A profesora Nussbaum cre nunha “democracia moderna da inclusión, non da exclusión e, a esta causa, dedicou toda a súa vida, investigación, ou produción literaria, participando en proxectos de grande envergadura, no plano xurídico, político e económico”. Ademais, hai xa dende os inicios do seu traballo intelectual “unha sensibilidade, preocupación e coidado” polos aspectos sexistas da linguaxe, que coñecen ben os seus tradutores contemporáneos a diversas linguas e “aí temos un indicio do seu incipiente feminismo universalista militante”, destaca na laudatio González Fernández.
O doutoramento honoris causa de Martha Nussbaum foi proposto polo departamento de Filosofía e Antropoloxía da USC. Doutora en Dereito e Ética pola Universidade de Harvard, foi docente en Harvard, Brown, Oxford e na Universidade de Chicago. As súas obras constitúen unha referencia obrigada nos programas de estudo das universidades de todo o mundo, tanto no ámbito da Filosofía, como no das Ciencias da Educación, Dereito ou Ciencias Políticas. En 2012, foi galardoada co Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais.
Keating
O profesor Keating, pola súa parte, iniciou a súa intervención lembrando a súa primeira visita a Compostela no ano 1993, tamén da man do seu padriño no doutoramento honoris causa, o profesor emérito da USC Ramón Máiz. Ao longo do seu medio século de carreira académica e moi especialmente na actualidade, unha das grandes preocupacións do profesor Keating baseouse na interdisciplinariedade e pluralismo metodolóxico nas Ciencias Sociais. “O mundo real, as relacións entre os seres humanos, son moi complexas, hai diferentes cores”, subliñou no seu discurso. “As Ciencias Sociais ofrecen ferramentas, dan perspectivas sobre a realidade social, pero non son identidades, trátase de conclusións provisionais”, explicou. Nun contexto como o actual no que a compresión do tecido social pasa por esa suma de perspectivas, o profesor Keating alertou ante a “fragmentación do coñecemento, a especialización excesiva”. “Hai guerras culturais entre disciplinas”, dixo á hora de reivindicar a conexión entre as múltiples perspectivas para acadar unha mellor comprensión da trama social.
O padriño e profesor emérito da USC Ramón Máiz lembrou que Michael Keating é “un dos politólogos con meirande índice de impacto da Ciencia Política Europea”. Máiz destacou que o novo doutor honoris causa da USC acumula experiencia docente, investigadora e de xestión en diversos sistemas universitarios en Europa e Norte América. É a súa “unha aposta nidia pola política comparada sobre o terreo, non soamente baseada en fontes estatísticas e bases de datos, senón tamén no coñecemento de primeira man e devagar, de longas e frecuentes estadías de traballo de campo, de centos de contactos e entrevistas nos países estudados”. Segundo o profesor Máiz, “a cerna do seu programa de investigación, o fío condutor que organiza a súa persoal rede de obsesións científico-políticas, é a política do territorio”.
O profesor Keating, pertencente á Universidade de Aberdeen, ten acreditada unha traxectoria de gran relevancia e proxección internacional no ámbito da Ciencia Política, complementada por un intenso labor investigador e asesor en institucións vinculadas ao proceso de devolución dos poderes lexislativo e executivo no Reino Unido a ao impacto europeo do proceso de Brexit. Por outra banda, o profesor Keating mantivo e mantén unha dilatada, estreita e frutífera colaboración coa Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC e contribuíu a impulsar a súa actividade docente, á apertura de novas liñas de investigación e á formación de novo persoal académico, ademais de á consolidación e proxección internacional do centro.
Cerimonial
O Paraninfo acolleu a cerimonia de investidura que deu comezo coa entrada da comitiva académica co acompañamento da mezzosoprano Nuria Lorenzo e do pianista Alejo Amoedo. Acompañaron ao reitor na mesa presidencial Pilar Bermejo Barrera, vicerreitora de Política Científica; Ernesto González Seoane, vicerreitor de Profesorado; Salvador Naya Fernández, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC; e Susana Mª Reboreda Morillo, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo. Os padriños respectivos foron os encargados de impoñer a esclavina, a borla, o anel, e facer entrega do libro aos doutorandos. A secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, tomou xuramento aos novos honoris causa e, finalmente, o reitor impúxolles as respectivas medallas.