Ir o contido principal

A USC incorpora á súa galería de honoris causa a Mikhail Alexandrovich Braun, Salvador Vives e Ulises Moulines

Os novos honoris causa xunto cos seus padriños e o reitor, no Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite
Os novos honoris causa xunto cos seus padriños e o reitor, no Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite

A Universidade de Santiago de Compostela investiu este xoves como doutores honoris causa a Mikhail Alexandrovich Braun, Salvador Vives e Ulises Moulines nunha cerimonia celebrada no Colexio de Fonseca e presidida polo reitor Juan Viaño Rey, para quen “o talento é a calidade inherente e intransferible dos profesores hoxe recoñecidos”.

A cerimonia deu comezo coa investidura do catedrático de Filosofía, Lóxica e Teoría da Ciencia na Universidade de Múnic Carlos Ulises Moulines, que dixo sentirse “honrado e profundamente conmovido” por canto coa USC lle unen “lazos entrañables desde o punto de vista persoal e profesional”. O profesor é o máis claro expoñente da corrente coñecida como ‘metateoría estruturalista’, cuxo obxectivo é acadar un mellor entendemento das estruturas conceptuais profundas da Ciencia, aínda que tamén fixo achegas significativas á filosofía en xeral desde a orientación ‘analítica’, que se ocupa pola elucidación conceptual dos problemas filosóficos.

Desde mediados dos anos 80 mantén unha estreita relación coa USC, que se materializou na participación en varias xornadas e congresos, como profesor visitante en dúas ocasións, e a dirección de teses doutorais, entre elas a do profesor José Luis Falguera, que exerceu como padriño no acto e que lle agradeceu que puxera sempre o seu traballo intelectual “á disposición da nosa Universidade”.

Vives Antón
Pola súa banda, o catedrático emérito de Dereito Penal da Universidade de Valencia Tomás Salvador Vives Antón foi proposto para doutor honoris causa pola Facultade de Dereito, toda vez que garda unha estreita relación coa súa área de Dereito Penal, á que pertence o seu padriño na investidura, o catedrático José Manuel Lorenzo Salgado, que salientou dúas obras do profesor, “de enorme impacto na doutrina penal”, como son La libertad como pretexto e Fundamentos del sistema penal.

Vives Antón, que interveu coa lección ‘Modenidade e posmodernidade na doctrina penal’ é un dos xuristas españois máis completo e brillante dos últimos anos. Foi fiscal, catedrático de dereito penal, maxistrado do contencioso-administrativo, letrado do Tribunal Constitucional, vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial e maxistrado e vicepresidente do Tribunal Constitucional. As súas obras tiveron, e seguen a ter, un grande impacto xa que contribuíu á creación dunha xurisprudencia constitucional cinguida aos valores de liberdade, xustiza, igualdade e pluralismo político, e a desenvolver, fortalecer e dar contido aos dereitos fundamentais. O reitor dixo del que pertence á categoría dos “xuristas comprometidos”

Alexandrovich Braun
O último dos honoris causa investidos foi Mikhail Alexandrovich Braun, cuxo nomeamento para tal recoñecemento partiu do Departamento de Física de Partículas, que mantén unha estreita colaboración co profesor emérito da Facultade de Física da Universidade de San Petersburgo, na que durante moitos anos dirixiu o Departamento de Física de Altas Enerxías e dende o que contribuíu á formación de destacados físicos do campo amplamente recoñecidos como Lipatov, Levin, Balitsky ou Novosilov, continuando unha das escolas de Física Teórica máis relevantes internacionalmente.

O seu padriño no acto, o catedrático de Física Carlos Pajares Vales, destacou a “forte personalidade do profesor, que impregna a pegada que vai deixando nos avances realizados no campo das partículas elementais e en particular no das interaccións fortes”. O efecto cumulativo, é dicir, a produción de partículas en colisións hadrón núcleo e núcleo núcleo fóra do límite cinemático das colisións núcleon·nucleon e fóra do movemento de Fermi dos nucleóns en núcleos é outro dos campos de interese de Braun, que en 2011 foi nomeado científico distinguido de Rusia.

No seu discurso gabouse de que debido aos “esforzos constantes e ideas xeniais” dos científicos e á construción de aceleradores xigantescos de partículas “podemos dicir que finalmente chegamos a entender practicamente por completo o que ocurre no mundo de partículas elementais nos laboratorios terrestres”. “Polo menos –dixo- ningún experimento realizado en laboratorios contradí a teoría de partículas construída, a coñecida como modelo estandar”.

De pé o reitor Juan Viaño nun momento da súa intervención. Foto: Santi Alvite En primeiro termo, Moulines, Vives e Alexandrovich Braun. Foto: Santi Alvite O acto contou cunha nutrida representación de profesorado togado. Foto. Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.06.2017.