Ir o contido principal

A USC incrementa o alumnado matriculado en primeiro curso

Juan Casares Long, acompañado polo vicerreitor de Titulacións e PDI, Jesús López Romalde. (Foto: SERVIMAV)
Juan Casares Long, acompañado polo vicerreitor de Titulacións e PDI, Jesús López Romalde. (Foto: SERVIMAV)

A Universidade de Santiago incrementou este curso académico en máis de 200 o número de estudantes matriculados en primeiro curso, pasando dos 5.506 de 2011-2012 aos 5.731 actuais (4.783 en Santiago e 948 en Lugo). Os datos facilitounos este xoves en rolda de prensa o reitor da USC, Juan Casares Long, acompañado polo vicerreitor de Titulacións e PDI, Jesús López Romalde. En total a USC ten 27.344 estudantes, dos que 4.857 pertencen ao Campus de Lugo onde a diferenza entre número de mulleres e homes é menor (59,91% de mulleres) que no de Santiago (64,3%). Ademais, o 50% dos estudantes cos mellores expedientes de Galicia nas Probas de Acceso á Universidade, con nota de 9 ou superior, estudan este ano na Universidade de Santiago (195 dos 391). Por tipo de titulación, 16.724 cursan un grao, 8.147 unha licenciatura ou enxeñaría, 1.705 un máster, 768 un segundo ciclo ou cursos ponte e, finalmente, 737 algunha titulación propia da USC. En canto ao número de créditos matriculados, no caso dos graos e primeiros e segundos ciclos o 78,5% atópase en primeira matrícula e o 13,4% en segunda, mentres que nos másteres o 96% está matriculado en primeira. Procedencia A maior parte do alumnado é de procedencia galega, sendo A Coruña a provincia que máis achega, 10.986 persoas (880 no Campus de Lugo e 10.106 no de Compostela); seguíndolle a de Pontevedra con 369 estudantes nos centros de Lugo e 5.923 nos de Santiago; Lugo, con 4.541 universitarios, dos que 2.463 estudan no Campus lugués e 2.078 no compostelán; e Ourense, de onde proceden outros 1.835 matriculados, 143 en Lugo e 1.692 en Santiago. De fóra de Galicia matriculouse este curso na USC o 13,5 % do seu estudantado, de practicamente toda España. Procedentes de Asturias e León son, respectivamente, 321 e 202. De Barcelona, Biscaia e Santa Cruz de Tenerife máis de trinta por provincia, así como preto dun centenar orixinarios de Madrid. Ademais, a USC fixo un esforzo extraordinario para captar estudantes de fóra de España e neste curso xa deu os seus froitos, con 118 estudantes chineses para facer un curso completo en Santiago e, a través do ‘Programa Ciencia sen Fronteiras’, un cento de estudantes brasileiros en Lugo. O programa ‘Erasmus Mundus’ achegou máis de 100 estudantes, algúns deles de repúblicas centro-asiáticas ou caucásicas (Georgia, Armenia, Azerbaián… ), de Iberoamérica e outros países. Por intercambio bilateral tamén viñeron á USC cerca de medio millar de estudantes de Iberoamérica e de 59 de países de fala inglesa. O programa Erasmus tamén ten grande eficacia para proporcionar o mobilidade dos estudantes entre as universidades europeas. De Europa os países que máis estudantes achegan á USC son Portugal, Italia, Alemaña, Polonia, Francia e Reino Unido. Titulacións A oferta de títulos da Universidade de Santiago deste curso académico confórmana 48 graos (15 deles en Lugo) e 71 másteres (59 en Santiago e 12 en Lugo), estes últimos a maior parte de Ciencias Xurídico-Sociais (23), seguidos de Ciencias Experimentais (16) e Ciencias da Saúde (12). Pola súa banda, a USC conta coa maioría de titulacións que pecharon a matrícula coas notas de corte máis altas do Sistema Universitario Galego, encabezando esta lista os graos en Medicina, Odontoloxía, Comunicación Audiovisual, Xornalismo e Enxeñaría Química. Idiomas A importancia, e en moitos casos obrigatoriedade, de coñecer unha segunda lingua está a notarse no número de matriculados nos cursos de idiomas que oferta o Centro de Linguas Modernas da USC, que este ano conta con 2.172 matriculados en alemán, árabe, catalán, checo, chinés, danés, español como lingua estranxeira, francés, galego para non galego falantes, grego, inglés, italiano, lingua de signos, polaco, portugués, ruso e xaponés. A USC acredita a través deste centro, e segundo o Marco Común Europeo de Referencia, para o nivel B1 de inglés, francés, alemán, italiano e portugués. Nestas probas participaron o pasado curso preto de 3.000 estudantes que necesitaba acreditar o seu nivel de idioma para programas de mobilidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2013.