A USC inicia esta semana no Campus de Lugo as xornadas de presentación
A Universidade de Santiago inicia esta semana as súas xornadas de presentación para novos estudantes. Promovidas pola Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social, nestas sesións membros da universidade explicarán aos universitarios de novo ingreso, tanto do Campus de Lugo como do de Santiago, o funcionamento dos seus servizos da USC, a súa oferta académica, cultural e deportiva entre outros asuntos.
As xornadas comezan este martes, día 2, ás 10:30 horas na Escola de Formación do Profesorado de Lugo, charla que se repetirá ás 12:00 horas na Facultade de Veterinaria. Nas súas intervencións, os relatores explicarán a oferta de servizos da USC como a Oficina de Información, o Centro de Linguas Modernas, a Rede de Aulas de Informática, o Servizo de Normalización Lingüística ou o Servizo de Xestión Académica, pero ademáis abordarán o funcionamento interno da USC comentando o papel do Consello Social e da figura do Valedor Universitario, o sistema de bolsas ou a rede de residencias.
Deste xeito, participarán nas presentacións do Campus de Lugo o vicerreitor da Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos; o director do Servizo de Apoio ao Emprendemento e ao Autoemprego, José Manuel González Díaz; o Valedor da Comunidade Universitaria, Florencio Arce; Fátima Teixeiro, do Servizo de Participación e Integración Universitaria; o Secretario do Consello Social, Benigno Carril Pérez; e Xusto Rodríguez Río, do Servizo de Normalización Lingüística.
Estas presentacións extenderanse á semana seguinte por outros centros lugueses como a Facultade de Administración e Dirección de Empresas e a Facultade de Ciencias o martes 9 de outubro ás 10:30 e 12:00 horas respectivamente. O mércores 10 será a quenda da Escola Politécnica Superior, ás 10:00 horas, e da Facultade de Humanidades, Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermería, ás 12:00 horas.
As charlas informativas tamén se celebrarán no Campus de Santiago dende o luns 15 de outubro ata o martes 23 percorrendo máis de 18 escolas e facultades.