A USC, institución colaboradora da Real Sociedade Matemática Española
O reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, e o presidente da Real Sociedade Matemática Española (RSME), Francisco Marcellán, asinaron este luns en Santiago un convenio que supón a inclusión da USC entre as institucións colaboradoras da Sociedade para a promoción das matemáticas nas súas vertentes culturais, científicas e académicas. No acto participaron a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, e a decana en funcións da Facultade de Matemáticas, Victoria Otero.
Viaño agradeceu o convite á USC da RSME, cuxas actividades “contribuíron sen dúbida a revitalizar e visibilizar as matemáticas no noso país, sendo motor e testemuña do enorme desenvolvemento que esta ciencia experimentou durante os últimos 35 anos, especialmente cando recibimos en maior grado a influencia doutros países con máis tradición científica”.
O reitor destacou que a RSME vive un dos seus períodos “máis activos” desde o seu relanzamento en 1996, no que tiveron unha participación “moi sobresaliente persoas que foron profesores da nosa Universidade como Antonio Martínez Naveira, Maria Luisa Fernández Rodríguez, Manuel de León e máis recentemente Peregrina Quintela, Elena Vázquez Cendón e Maria Victoria Otero Espinar”, actual decana en funcións da facultade. O reitor destacou que este convenio marco, ao que lle seguirán outros acordos específicos que o desenvolvan, “coincide cunha situación de enorme proxección das Matemáticas en Galicia e en particular na nosa Facultade”. En efecto, no ránking de Shanghai que clasifica máis de 1.200 universidades do mundo a área de Matemáticas da USC aparece en 2016 nos postos 75-100, sendo a primeira de España. Ademais, desde 2014 na lista de investigadores máis citados os únicos matemáticos españois que aparecen son dous profesores da USC. Outro dato relevante é que o impacto medio das publicacións matemáticas en 2015 sitúa á USC no oitavo lugar del mundo, só por detrás de centros como as Universidades de Princeton ou Stanford. Proba desa excelente proxección das matemáticas da USC é a organización de diferentes eventos de carácter internacional no seu seno. Así, en 2003 a Universidade de Santiago acolleu o Encontro de Sociedades Latinoamericanas de Matemáticas, tres anos máis tarde a asemblea xeral da Internacional Mathematical Union, en 2013 o Congreso da RSME e o pasado ano o Encontro Ibérico de Matemáticas. Produción matemática A produción española de publicacións matemáticas pasou do 0,3% do total mundial en 1980 a case o 5% na actualidade. E segundo datos de 2014 da Web of Science, o impacto medio da investigación matemática española pasou entre 2004 e 2013 de 1.4 a 2.06, mentres que a media internacional foi de 1.4 a 1.82. “Todo isto mesmo cando o investimento en I+D en España é dun 1.2% do PIB, fronte a unha media do 2% da UE ou do 3% de Alemaña”, advertiu Viaño. E a pesar de que en España este desenvolvemento espectacular da matemática non se viu acompañado pola transferencia ao sector produtivo na mesma proporción, neste ámbito Galicia é “unha excepción” e a matemática industrial galega é “un referente en España e Europa, como demostra o espectacular desenvolvemento do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial”, lembrou o reitor, que tamén tivo palabras de recoñecemento para o Instituto de Matemáticas da USC.