USC e Instituto de las Mujeres dan pulo á perspectiva de xénero na transferencia de coñecemento
O programa Innovatia 8.3 da USC e do Instituto de las Mujeres continuará promovendo actuacións e desenvolvendo metodoloxías e ferramentas destinadas a facilitar a inclusión da perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento. Este é o obxectivo que persegue o convenio que ambas as dúas institucións acaban de asinar e que se estenderá ata o ano 2023 coa intención de dar pulo á creación de empresas de base tecnolóxica dende as universidades e promovidas por mulleres.
Trasladar toda a metodoloxía e ferramentas de intervención desenvolvidas no marco do programa Innovatia aos procesos de transferencia de coñecementos en todas as universidades do Estado e tamén noutros centros de investigación é unha das metas que contempla o documento. En virtude da continuidade deste convenio dotado con máis de 400.000 euros, realizaranse encontros para apoiar e dar visibilidade ás emprendedoras universitarias; e buscaranse, entre outros aspectos, novas formas de financiamento para facilitar o crecemento de empresas lideradas por mulleres xurdidas no ámbito universitario. “Fomentar o emprendemento feminino que xorde das universidades, achega ás mulleres o coñecemento necesario para fundar a súa empresa e favorece a súa participación na vida económica e social avanzando na igualdade real e efectiva de mulleres e homes”, sinalan dende as institucións asinantes.
Liñas de traballo
Innovatia 8.3 ofrecerá a posibilidade a emprendedoras das universidades españolas de realizar ‘misións comerciais’ nas que recibirán asesoría para mellorar o seu proxecto empresarial e poder atoparse con entidades socias estratéxicas. Tamén, ao abeiro deste convenio, poñerase en marcha o ‘Estudo de Xénero na I+D+i en Transferencia en España’, co que se poderán obter indicadores relevantes para medir a calidade investigadora desenvolvida polas mulleres no contexto español; e celebraranse xornadas de sensibilización en colaboración coas universidades do Estado incorporando a perspectiva de xénero e a metodoloxía Innovatia 8.3 nas súas diferentes iniciativas de apoio ao emprendemento, como poden ser cursos, charlas, ou congresos, entre outras accións.
A organización dun foro de investimento para empresas lideradas por mulleres xurdidas de universidades españolas ou de alto potencial de crecemento; así como a continuación da acción de amadriñamento ‘Madrinanet’, ampliando a rede de madriñas, obtendo representación de sectores empresariais diversos e dando visibilidade aos casos de éxito para fomentar novos emparellamentos, integran as iniciativas a desenvolver. O convenio tamén contempla formación en liña dirixida a emprendedoras para a posta en marcha dos seus proxectos empresariais, así como ao persoal de Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) en materia de asesoramento empresarial con perspectiva de xénero.
Colaboración consolidada
Máis de 700 mulleres se teñen beneficiado da formación impulsada pola USC e o Instituto de las Mujeres ao abeiro deste programa no que xa recibiron asesoramento 200 emprendedoras. Na actualidade, 48 universidades públicas españolas integran a Rede Innovatia 8.3.