A USC e o Instituto Politécnico do Porto renovan o seu acordo marco de colaboración para actividades de investigación
O reitor Juan Casares e a presidenta do Instituto Politécnico do Porto (IPP), Rosário Gambôa, acaban de asinar un convenio marco de colaboración para o desenvolvemento de actividades conxuntas de investigación. Coa sinatura protocolaria celebrada en San Xerome, renóvase e actualízanse relacións de colaboración que se remonta a 1997. O acordo contempla a execución de proxectos e programas de I+D, o deseño e realización de programas de doutoramento conxuntos, a cooperación en programas de formación de persoal investigador e técnico, asesoramento mutuo, organización e execución de actividades comúns relacionadas coa promoción social da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico ou o intercambio de persoal, entre outras. Neste senso, xa existen contactos para a definición dun posgrao no ámbito das Ciencias da Educación que coordinaría a institución compostelá en colaboración co IPP, así como eidos como a Enxeñaría Química ou a Hostalaría. Para facilitar a elaboración dos convenios específicos, o seu seguimento e cumprimento, constituirase unha Comisión Mixta que integrarán, en representación da USC, o vicerreitor de Investigación e Innovación e o profesor Miguel A. Santos Rego, e o vicepresidente do Instituto portugués Carlos Fernando da Silva Ramos e o profesor António Guedes, en representación do IPP.