Ir o contido principal

A USC investirá como doutores honoris causa a Mikhail Alexandrovich Braun, Salvador Vives e Ulises Moulines

A USC investirá como doutores honoris causa a Mikhail Alexandrovich Braun, Salvador Vives e Ulises Moulines
A USC investirá como doutores honoris causa a Mikhail Alexandrovich Braun, Salvador Vives e Ulises Moulines

Mikhail Alexandrovich Braun, Salvador Vives e Ulises Moulines serán proximamente doutores honoris causa pola USC, logo de que esta concesión fora aprobada a comezos de marzo polo Consello de Goberno e esta semana pola Comisión de Organización Docente do Claustro.

A concesión do recoñecemento académico a Mikhail Alexandrovich Braun partiu do Departamento de Física de Partículas, que mantén unha estreita colaboración co profesor emérito da Facultade de Física da Universidade de San Petersburgo, na que durante moitos anos dirixiu o Departamento de Física de Altas Enerxías e dende o que contribuíu á formación de destacados físicos do campo amplamente recoñecidos como Lipatov, Levin, Balitsky ou Novosilov, continuando unha das escolas de Física Teórica máis relevantes internacionalmente.

As interaccións fortes son o obxectivo principal da súa investigación, primeiro con estudos ligados á aplicación de teoría cuántica de campos a fenomenoloxía de non moi alta enerxía. O efecto cumulativo, é dicir, a produción de partículas en colisións hadrón núcleo e núcleo núcleo fóra do límite cinemático das colisións núcleon·nucleon e fóra do movemento de Fermi dos nucleóns en núcleos é outro dos campos de interese de Braun, que en 2011 foi nomeado científico distinguido de Rusia.

Vives Antón
Tomás Salvador Vives Antón, catedrático emérito de Dereito Penal da Universidade de Valencia, foi proposto para doutor honoris causa pola Facultade de Dereito, toda vez que garda unha estreita relación coa súa Área de Dereito Penal.

Vives Antón é un dos xuristas españois máis completo e brillante dos últimos anos. Foi fiscal, catedrático de dereito penal, maxistrado do contencioso-administrativo, letrado do Tribunal Constitucional, vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial e maxistrado e vicepresidente do Tribunal Constitucional. As súas obras tiveron, e seguen a ter, un grande impacto xa que contribuíu á creación dunha xurisprudencia constitucional cinguida aos valores de liberdade, xustiza, igualdade e pluralismo político, e a desenvolver, fortalecer e dar contido aos dereitos fundamentais.

Ulises Moulines
Pola súa banda, o nomeamento do catedrático de Filosofía, Lóxica e Teoría da Ciencia na Universidade de Múnic Carlos Ulises Moulines susténtase no grande impacto da súa obra no ámbito de la Filosofía da Ciencia, sendo unha das figuras destacadas da corrente coñecida como ‘metateoría estruturalista’, aínda que tamén fixo achegas significativas á filosofía en xeral desde a orientación ‘analítica’, aquela que se ocupa pola elucidación conceptual dos problemas filosóficos.

Desde mediados dos anos 80 mantén unha estreita relación coa USC, que se materializou na participación en varias xornadas e congresos, como profesor visitante en dúas ocasións, a dirección de teses doutorais ou en revistas e publicacións. Tivo e ten ademais unha influencia significativa nas liñas de investigación de algún dos grupos da área de Lóxica e Filosofía da Ciencia da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.03.2017.