Ir o contido principal

A USC investiu doutora 'honoris causa' a María Emilia Casas, primeira muller á fronte do Tribunal Constitucional

Casas Baamonde manifestou a súa “gratitude inmensa” por entrar no claustro de doutores 'honoris causa' desta universidade á que considera “cumio do coñecemento”.  FOTO: Santi Alvite
Casas Baamonde manifestou a súa “gratitude inmensa” por entrar no claustro de doutores 'honoris causa' desta universidade á que considera “cumio do coñecemento”. FOTO: Santi Alvite
A institución compostelá recoñece o compromiso desta xurista e “gran humanista” coa universidade e coa sociedade a través da defensa dos valores da xustiza e da igualdade entre homes e mulleres, tal e como explicou na súa 'Laudatio' o padriño e catedrático da USC Javier Gárate Castro
Santiago de Compostela

A primeira muller á fronte do Tribunal Constitucional entre os anos 2004 e 2011, María Emilia Casas Baamonde, foi investida este venres doutora honoris causa pola USC. A institución compostelá recoñeceu nunha cerimonia celebrada no Paraninfo, o compromiso de María Emilia Casas coa universidade e coa sociedade “especialmente a través da defensa da democracia e das súas institucións, dos valores da xustiza e da igualdade entre o home e a muller en todos os ámbitos do desenvolvemento da persoa”, tal e como explicou na súa Laudatio o padriño e catedrático da USC Javier Gárate Castro.

O reitor Antonio López definiu a María Emilia Casas como “unha xurista con maiúsculas, admirada e recoñecida polos seus colegas”. A nova doutora honoris causa da USC tratou de superar “un ordenamento baseado en relacións patriarcais que provocan illamento e invisibilidade das mulleres relegadas a traballos familiares non remunerados como algo natural nun mundo desigual”, continuou o reitor ao deterse no seu labor xurisdicional. Antonio López dirixiu o seu discurso cara a denuncia das fendas de xénero xa que “hoxe, e particularmente no ámbito das institucións e administración públicas, precísase esforzo colaborativo entre as institucións para traballar cara á igualdade efectiva das mulleres no sector público, pois se ben a súa presenza no conxunto das administracións públicas é maioritaria na última década, e continúa a avanzar, segue habendo unha fenda na ocupación de postos directivos, que non chega ao 30%, e a fenda salarial segue a ser evidente”.

Lección maxistral

Casas Baamonde manifestou a súa “gratitude inmensa” por entrar no claustro de doutores honoris causa desta universidade á que considera “cumio do coñecemento”. A profesora Casas dixo sentirse emocionada e satisfeita por esta honra “que me enche de orgullo”. A lección maxistral comezou coa evocación da figura do profesor Manuel Alonso Olea, tamén investido doutor honoris causa pola USC no ano 1996. Baixo os postulados do que definiu como o seu “mestre”, a profesora Casas lembrou os máis de 100.000 falecidos durante a pandemia e reflexionou sobre o rol da Seguridade Social para frear os efectos da COVID-19. “A seguridade social foi un amortecedor económico e social de primeira orde para manter a saúde e as rendas dos fogares e conter a exclusión e a pobreza”, afirmou a profesora Casas no preámbulo da súa lección maxistral centrada na política social da Unión Europea.

“Certamente a Unión está enraizada na cultura da norma, nunha cultura que alimenta o Tribunal de Xustiza, o actor máis poderoso do proceso de integración xurídica sen a menor dúbida”, sinalou Casas Baamonde na primeira parte da súa intervención na que realizou un percorrido polo Dereito da Unión dende os anos 70. “Vistas dende o noso ordenamento, as normas de política social da Unión, tiveron un innegable impacto  conformador e  modernizador da nosa lexislación laboral e de seguridade social”, explicou.

“A harmonización do noso Dereito do traballo coa política social europea operou un notable cambio de enfoques normativos, unha renovación incuestionable, moi visible en materia de seguridade e saúde ou de non discriminación e igualdade de mulleres e homes”, subliñou Casas Baamonde. A segunda parte da lección centrouse na xurisprudencia do Tribunal de Xustiza e nas súas reformas lexislativas, mentres que a terceira puxo o foco nos xuíces e nas inaplicacións das leis contrarias ao Dereito da Unión. 

Laudatio

O profesor Gárate Castro referiuse na súa Laudatio a María Emilia Casas como “gran xurista” e  “gran humanista polas súas conviccións e os seus actos”. O catedrático construíu o seu discurso tomando como base os motivos polos cales o Departamento de Dereito Público Especial e da Empresa da USC promoveu o nomeamento de Casas Baamonde como doutora honoris causa xa que “concorren nela todos os valores que permiten considerar extraordinaria e exemplar o labor do profesorado universitario”. “Así mesmo, dentro e fóra do ámbito da universidade desenvolveu e prosegue desenvolvendo actividades que xustifican o seu recoñecemento como xurista do maior prestixio e con influxo notorio no campo da ciencia do Dereito e tamén no campo social e político”, subliñou Gárate Castro quen salientou que o prestixio de Casas Baamonde, dentro e fóra de España, susténtase na elección, en 2017, e a súa reelección, en 2021, como presidenta da Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, e a súa elección, tamén en 2021, como Presidenta da Sociedade Internacional de Dereito do Traballo e da Seguridade Social.

O catedrático da USC comezou o percorrido pola traxectoria de María Emilia Casas profundando no seu labor docente iniciado en 1971 e desenvolvido en diversas institucións do Estado. O seu nomeamento en 1983 como catedrática marcou un fito ao tratarse da primeira muller que accedía ao corpo de catedráticos de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. Ademais foi docente, durante 28 anos, no Curso Superior de Relacións Laborais ofertado como título propio pola USC en virtude dun convenio de colaboración co Consello Galego de Relacións Laborais.

Cerimonial

Tras a Laudatio, o reitor procedeu á concesión do grao de doutora honoris causa en Dereito a María Emilia Casas Baamonde. O padriño impúxolle, a continuación, a esclavina, a borla, o anel, e fíxolle entrega do libro. A secretaria xeral da USC, Dulce García Mella, tomou xuramento á nova doutora honoris causa e, finalmente, o reitor impúxolle a medalla. Xunto a Antonio López, estiveron presentes na mesa presidencial Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos; Vicente Pérez Muñuzuri, vicerreitor de Investigación e Innovación; Mª José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional; e Carlos Aymerich Cano, secretario xeral da UDC.

A USC publicou o volume Las respuestas del tribunal de justicia a las cuestiones prejudiciales sobre política social planteadas por los órganos jurisdiccionales españoles: estudios ofrecidos a la profesora María Emilia Casas Baamonde, obra dirixida polo propio Gárate Castro e por Yolanda Maneiro, e coordinada por José María Miranda Boto e Lidia Gil Otero, co gallo desta investidura honoris causa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.12.2021.