Ir o contido principal

A USC inviste doutores ‘honoris causa’ a Mary Beard e Ivo Castro

De esquerda a dereita, Henrique Monteagudo, Ivo Castro, Antonio López, Rui Vieira de Castro, Mary Beard, Pedro López Barja de Quiroga e Dulce María García Mella. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Henrique Monteagudo, Ivo Castro, Antonio López, Rui Vieira de Castro, Mary Beard, Pedro López Barja de Quiroga e Dulce María García Mella. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López subliñou da profesora da Universidade de Cambridge a súa loita a prol do “cambio das estruturas de poder que seguen a estar masculinizadas” e definiu o profesor da Universidade de Lisboa como “talvez o maior expoñente actual da filoloxía portuguesa”
Santiago de Compostela

Mary Beard e Ivo Castro, catedráticos das universidades de Cambridge e de Lisboa, incorporáronse ao claustro de doutores honoris causa pola USC nun acto institucional que se desenvolveu este venres 31 no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. O reitor da USC, Antonio López, definiu a Ivo Castro como “talvez o maior expoñente actual da filoloxía portuguesa” que se esforzou “por dar a coñecer a lingua e cultura galegas dentro e fóra do ámbito universitario lusitano”. Con respecto á profesora Mary Beard, Antonio López salientou a súa condición de “especialista na literatura e historia do mundo antigo”, ademais de ser unha “feminista convencida e loitadora non só pola introdución de medidas a prol da igualdade, senón, indo máis aló, polo cambio das estruturas de poder que seguen a estar masculinizadas”.

Xunto ao reitor, integraron a mesa presidencial a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; o vicerreitor de Profesorado, Ernesto Xosé González Seoane; Rui Vieira de Castro, reitor da UMinho; Domingo Calvo Dopico, vicerreitor de  Economía e Planificación Estratéxica da UDC; e Susana Mª Reboreda Morillo, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo. A secretaria xeral, Dulce María García Mella, foi a encargada de tomar xuramento aos profesores Beard e Castro. O reitor aproveitou a súa intervención para lembrar o centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos, celebración que achegará diversos actos nos vindeiros meses e que servirá para reivindicar “un fito extraordinario na historia da nosa Universidade”, alén de constituír “unha constante fonte de inspiración na procura dunha universidade galega ambiciosa e constantemente actualizada no plano científico, aberta á creatividade e á cultura, en constante diálogo coa sociedade e ao servizo do país que alimenta”.

Mary Beard

A profesora da Universidade de Cambridge e Premio Princesa de Asturias en Ciencias Sociais 2016 afirmou sentirse sorprendida ante a “marabillosa acollida” da que foi obxecto en Compostela, cidade que está a visitar por primeira vez. A investigadora iniciou a súa intervención poñendo o foco en como “é aquí en España onde se realizaron algúns dos achados arqueolóxicos recentes máis importantes, que cambiaron a nosa comprensión da historia romana nos primeiros séculos despois de Cristo”. A continuación, Mary Beard conduciu o seu discurso cara ao que supón estudar o mundo clásico. “Estudar os clásicos é, por suposto, ter un ollo no que aconteceu, ou se escribiu ou se fixo, hai moitos séculos. Pero tamén é sempre ter un ollo posto no presente e pensar en como a antigüidade e os seus debates poden axudarnos a cambiar a nosa visión de nós mesmos”.

“Os gregos e os romanos non nos fornecen de respostas”, continuou Mary Beard, “pero proporciónannos diferentes perspectivas”. Así, a profesora subliñou como “expoñen a longa historia dalgúns dos nosos debates e por que, en occidente, chegamos a pensar e argumentar como o facemos”. Os gregos e romanos, engadiu, “aínda teñen significado por obrigarnos a repensar as cousas”.

O departamento de Historia da USC foi o responsable do nomeamento de Mary Beard, actudando como padriño o profesor Pedro López Barja de Quiroga. O catedrático subliñou na súa laudatio como un dos elementos a destacar de Mary Beard é a súa vontade de “rescatar a cultura clásica da grave acusación que pesaba sobre ela, a de ser un couto pechado de minorías, de elites, homes brancos de clase alta que escriben para os seus conxéneres. Mary Beard insistiu reiteradamente en que os antigos romanos eran coma nós, coma os nós da xente común, que son quen lle interesan a ela e con quen o gran público pode sentirse identificado”. López Barja fixo tamén un repaso polo seu currículo destacando os seus dezaoito libros e 40 anos de docencia en Cambridge, coa excepción dun lustro no King’s College.

Ivo Castro

Pola súa parte, o profesor da Universidade de Lisboa, Ivo Castro, comezou a súa intervención sentíndose honrado por ser a sexta persoa de nacionalidade portuguesa en recibir o doutoramento honoris causa pola USC, despois de Mário Soares, Marcelo Caetano, Gustavo Cordeiro Ramos; e dous profesores da Universidade de Coimbra, Manuel Paulo Merêa e Jorge de Alarcão.

Ivo Castro abordou a “fronteira sutil”, que non deixa de ser “unha fronteira física, ademais de humana, que separou historicamente a quen, no norte, fala unha lingua nacida na terra onde naceron, daqueles outros que, no sur, falan unha lingua que primeiro foi transportada dende o norte, para despois converterse alí noutra cousa”. Para designar este vasto territorio que corresponde ao ángulo noroeste da Península Ibérica, o profesor Castro bota man do concepto ‘Galécia Magna’, tomado do seu mestre Joseph-Maria Piel. O profesor Castro atopa acaído este termo xa que permite falar dos tempos nos que Galicia gañou autonomía con relación a León, e Portugal con relación a Galicia e León, “sen recorrer a categorías e denominacións modernas”. Neste senso, o profesor Castro subliñou que el ve na ‘Galécia Magna’ “a patria na que a nosa lingua naceu”.

Ivo Castro foi proposto polo departamento de Filoloxía Galega da USC e tivo como padriño ao profesor Henrique Monteagudo. O catedrático da institución compostelá percorreu o case medio século de dedicación á docencia universitaria de Ivo castro, a súa trintena de libros e 130 traballos publicados. “Ivo Castro foi un amigo de Galicia, un visitante sempre gozoso da nosa terra e das aulas da nosa Universidade e un perseverante e eficaz facilitador dos contactos académicos galego-portugueses, decote disposto a abrir portas a calquera iniciativa galega solvente de tipo académico ou cultural”, afirmou Henrique Monteagudo. O padriño destacou de Ivo Castro na súa laudatio a “súa reivindicación da filoloxía como demanda da verdade, que nos relembra que a principal tarefa da nosa disciplina é o rescate do texto auténtico, tarefa científica, mais tamén ética e política, especialmente urxente nos tempos en que a mentira, a falacia e a falsidade —a chamada posverdade— ofuscan a nosa mente e empezoñan a nosa convivencia”, concluíu.

Cerimonial

Tras as respectivas laudatios, o reitor procedeu á concesión dos graos de doutores honoris causa. Os padriños impuxeron, en cada caso, a esclavina, a borla, o anel, e fixeron entrega do libro. A secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, tomou os respectivos xuramentos e, finalmente, o reitor impuxo as medallas. O acto finalizou co Gaudeamus Igitur a cargo do coro da USC e coa procesión de saída.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.03.2023.