Ir o contido principal

A USC inviste este venres como doutores honoris causa a Crispian Scully e Giorgio Franceschetti

A Universidade de Santiago de Compostela celebrará este venres 28 o acto de investidura como doutores honoris causa de Crispian Scully e Giorgio Franceschetti. A cerimonia será ás 12:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidida polo reitor Juan Viaño. Na mesa presidencial estarán presentes tamén o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso; a secretaria xeral da Universidade de Vigo, Gloria Pena Urís; e os vicerreitores de Organización Académica e Profesorado, Luís Lima; e de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro. A investidura poderá seguirse pola canle ‘Directo’ de USC-TV.

Crispian Scully
Médico, bioquímico e odontólogo, Crispian Scully é unha das persoas máis cualificadas e de maior prestixio mundial no ámbito da odontoloxía en pacientes especiais e da medicina oral. Proposto polo Departamento de Estomatoloxía da USC, destaca a súa xestión á fronte do Eastman Dental Institute, a única institución de Europa dedicada á investigación e docencia exclusivamente para posgraduados, que converteu nun centro internacional de excelencia investigadora. No acto intervirá como padriño o catedrático de Estomatoloxía Pedro Diz Dios.

Giorgio Franceschetti
Pola súa banda, Giorgio Franceschetti, proposto polo departamento de Física Aplicada, é unha autoridade recoñecida internacionalmente no campo da teoría electromagnética básica e aplicada. A relación do profesor italiano coa USC comezou nos anos 90 cunha estreita colaboración co grupo de Sistemas Radiantes co que traballa en investigacións de carácter nacional e autonómico. Será o seu padriño na cerimonia o catedrático de Electromagnetismo Francisco J. Ares Pena.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2016.