A USC lanza unha campaña para combater o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero

O Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero da USC é a resposta da Universidade para crear un marco normativo e de políticas activas para garantir os dereitos das persoas acosadas e detectar e combater as situacións de acoso. Coa intención de dar a coñecer o Protocolo, a USC bota a andar este luns 27 a campaña Contra o acoso coa que se pretende sensibilizar a comunidade universitaria nesta materia a través de diferentes canles.
Trátase de que as vítimas saiban “a onde acudir cando sucede algo así”, explicou o reitor Antonio López no acto conmemorativo do 25N que se desenvolveu a semana pasada no Colexio de San Xerome. Con todo, a campaña non só se dirixe ás vítimas, senón que consta dunha serie de lemas dirixidos á comunidade universitaria no seu conxunto pero tamén ás persoas que exercen o acoso, en particular. Dende esta semana, os centros da USC, así como as redes sociais da Universidade, exhibirán carteis con lemas como ‘Se pensas que agora “todo é acoso” e que xa non se pode dicir nada. É acoso’, ‘Se ante unha denuncia de acoso culpas á vítima. Es cómplice de acoso’ ou ‘Se no teu departamento as tarefas de xestión máis ingratas e invisibles recaen de forma sistemática en ti ou nas túas compañeiras. É acoso por razón de sexo’, entre outros.
A estes lemas, súmase a colocación de monólitos nas bibliotecas e colexios maiores nos que se explica que o acoso por razón de sexo “é todo comportamento non desexado realizado en función do sexo dunha persoa co propósito ou o efecto de atentar contra a súa dignidade e de crear unha contorna intimidatoria, hostil, degradante, humillante ou ofensiva”. A campaña está coordinada dende a Oficina de Igualdade de Xénero da USC, coa que se pode contactar a través do enderezo oix [at] usc.gal (oix[at]usc[dot]gal) ou no teléfono 881 811 309.
Traballo de campo
O Protocolo ten por obxecto a información, formación e sensibilización de toda a comunidade universitaria en materia de acoso sexual, acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero, así como o establecemento dun procedemento áxil e eficaz que permita actuar, con todas as garantías, en caso de que se produza unha situación deste tipo. O descoñecemento deste recurso por boa parte da comunidade da USC é o xermolo da campaña Contra o acoso. Así, ao longo de varios meses, realizouse un traballo de campo con entrevistas a especialistas en xénero e LGBTQI, representantes de PDI, PAS, alumnado de grao e doutoramento ou colectivos. Tamén se desenvolveron diferentes xuntanzas para, por unha banda, recoller narrativas reais de acoso para valorar como se reproduce esta problemática e que tipo de consecuencias trae consigo; e por outra, recoller percepcións, impresións e propostas de mellora para a resposta da comunidade universitaria e institución fronte a estes casos.
As persoas que participaron no estudo poñen o foco nas relacións de poder e dependencia da estrutura xerárquica da Universidade. Así, do estudo despréndese “a importancia do medo a denunciar, a facelo público e as represalias na vida académica, laboral ou persoal”. O segundo aspecto destacado é “o aínda presente tabú respecto a este tema, o silencio por parte da comunidade universitaria ante estes casos”. Con este punto de partida, as persoas que participaron do proceso destacan a necesidade de visibilizar o problema, crear espazos de reflexión e axuda mutua, a formación especializada e a sensibilización sobre o tema.
O estudo salienta que pasos pode dar a Universidade para encamiñarse cara a resolver carencias e formular estratexias que melloren a prevención, sensibilización, atención, acompañamento e reparación das vítimas de caso de acoso. Ao longo do mes de decembro está prevista a publicación dos resultados nun informe que achegará as principais liñas para afrontar a situación e mellorar a resposta.
