Ir o contido principal

A USC lembra coa Rede Lucense de Voluntariado os 15 anos desta entidade social cunha mostra no Museo Provincial

Integrantes da Rede Lucense de Voluntariado na apertura da mostra 'Trazando solidariedade'
Integrantes da Rede Lucense de Voluntariado na apertura da mostra 'Trazando solidariedade'
A exposición aberta á participación cidadá ‘Trazando solidariedade, 15 anos de traballo en rede’, inaugurada este venres co gallo do Día Internacional do Voluntariado, permanecerá aberta ao público ata finais de xaneiro
Lugo

A USC celebra xunto coas demais entidades que integran a Rede Lucense de Voluntariado o Día Internacional do Voluntariado e o decimoquinto aniversario da creación desta entidade social coa inauguración da mostra aberta á participación social ‘Trazando solidariedade, 15 anos de traballo en rede’, unha exposición colectiva que conta co apoio da Rede Museística Provincial de Lugo e que permanecerá aberta ao público ata finais de xaneiro nas instalacións do Museo Provincial de Lugo.

O proxecto expositivo da Rede Lucense de Voluntariado, na que a USC colabora de forma activa a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria (SPIU) coas demais entidades integradas: Aliad Ultreia, Alume Saúde Mental, AECC Lugo, Aspnais, Asociación Xuvenil Ateibo, Auxilia Lugo, Capaces Lugo, Cáritas Diocesana Lugo, Cogami Lugo, Down Lugo, Fundación Dignidade, Fundación JuanSoñador, Fundación Secretariado Gitano, Raiolas Lugo, constitúe unha experiencia única en Galicia, a través da que se pretende poñer en valor e facer visible o cometido do voluntariado e a importancia das experiencias compartidas.

Estruturada arredor de tres espazos: A Rede de Voluntariado, Pensando no Voluntariado e O Lenzo do Voluntariado, a mostra ‘Trazando solidariedade, 15 anos de traballo en rede’, constrúe un relato a través do que traza un percorrido sobre os cometidos que desenvolve o voluntariado desde o colectivo ata o individual. A exposición serve asemade para reivindicar a consideración das accións voluntarias como formas de expresión da participación activa da cidadanía.

Este novo proxecto da Rede Lucense de Voluntariado responde a un discurso inclusivo arredor do voluntariado e pon o foco na relevancia das experiencias compartidas a través da peza audiovisual que acompaña a mostra, un documento que dá cabida ás diferentes miradas das persoas protagonistas e no que se presenta o voluntariado como un motor de cambio na vida das persoas.

A mostra conta asemade cun lenzo onde o público visitante poderá plasmar a súa creatividade, un proceso no que tamén poderá axudarse de diferentes obxectos creados expresamente para poder tocar.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2022.