A USC levará a cabo un estudo pioneiro para reducir os sinistros causados pola fauna silvestre nas estradas de Lugo
O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, asinaron este luns un convenio de colaboración para a realización dun estudo pioneiro en Galicia sobre a incidencia dos accidentes ocasionados pola fauna silvestre na rede viaria luguesa en relación co uso e a fragmentación do hábitat.
O obxectivo deste estudo, semellante aos realizados xa nas provincias de Burgos, Soria e Zamora, é determinar se os atropelos de animais salvaxes nas vías estudadas se concentran en zonas e épocas determinadas, para o que se analizará a influencia das características da estrada e da paisaxe circundante na distribución destes sinistros. Ademais preténdese caracterizar as zonas de maior risco de atropelo co fin de poder predicilas noutras vías, así como examinar a eficacia das medidas correctoras utilizadas ata o momento e propor melloras futuras.
Entre as medidas que se pensa aplicar para diminuír o número de accidentes por fauna salvaxe salientan a instalación de sinais de alerta e perigo en treitos conflitivos ou a implantación dun sinal acústico e de luz, que capta a enerxía a través de placas solares, e que está a dar moi bos resultados en países como Noruega ou Canadá.
Para realizar este estudo, que durante tres anos desenvolverá un equipo da USC baixo a dirección do profesor Luís Eusebio Fidalgo Álvarez do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias, a USC recibirá do organismo provincial unha cantidade de 60.000 euros, distribuída en tres anualidades.
O equipo centrará os seus estudos na estrada CP 1611, que atravesa os concellos de O Corgo, Castroverde, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Begonte, Friol, Guntín, O Páramo e Lugo, e que concentra a meirande parte dos sinistros por fauna salvaxe na provincia.
Os investigadores da USC xunto aos técnicos da Deputación Provincial recollerán durante tres anos os datos referentes a accidentes de tráfico na rede viaria luguesa e analizarán os datos obtidos relacionándoos coas épocas, usos do territorio e bioloxía das distintas especies implicadas.
Lugo é a provincia galega con maior sinistralidade por accidentes con fauna salvaxe, e unha das que encabeza esta lista en España. Nos tres últimos anos, a Deputación Provincial recibiu 43 reclamacións por responsabilidade patrimonial consecuencia do atropelo de animais nas súas estradas, que se traducen tamén en danos materiais valorados en 103.000 euros.