Ir o contido principal

A USC lidera o proxecto campUSCulturae, o de maior contía que coordina unha universidade na convocatoria 2010 do programa europeo ‘Culture’

O acto de presentación celebrouse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca
O acto de presentación celebrouse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca

Concibido como un proxecto a prol da diversidade cultural e das minorías lingüísticas, a Universidade de Santiago coordinará ao longo dos próximos cinco años o proxecto europeo campUSCulturae co cofinanciamento da Culture Agency da Comisión Europea a través do programa ‘Culture’ na súa convocatoria de 2010 por valor de 2,27 millóns de euros. É a primeira vez que unha universidade española, en calidade de coordinadora dun proxecto, acada unha subvención deste volume ao abeiro do programa ‘Culture’. Ademais, nesta convocatoria é a única institución universitaria do ámbito europeo que figura como coordinadora de proxecto. As particularidades do proxecto presentáronse publicamente este martes 5 de xullo nun acto no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidido polo reitor Juan Casares, e no que interviñeron ademais o coordinador do proxecto, Xosé Antonio Neira Cruz; Tomasz Domanski, da Universidade de Lodz; e a presidenta da Associaçao Cultural e Pedagógica ‘Ponte nas ... ondas’, Lurdes Carita. campUSCulturae propón un diálogo entre as Humanidades e as Ciencias, recoñecendo a capacidade creativa que cada un deste eidos do saber pode achegar ao outro. Trátase dunha iniciativa de carácter interdisciplinar e transversal no que estarán implicados a Facultade de Ciencias da Comunicación, a Biblioteca Xeral da USC, a Área TIC e a Oficina de Investigación e Tecnoloxía (OIT). Ademais, o proxecto conta como socios institucións universitarias e sociedades culturais de Bulgaria, Islandia, Polonia, Alemaña e Portugal. Ademais da interrelación entre Humanidades e Ciencias, campUSCulturae supón, segundo os seus promotores, unha aposta da USC a prol dun proxecto de extensión universitaria que terá como receptores “non só á comunidade científica e universitaria senón ao conxunto da sociedade, prestando particular atención ás familias e á infancia”. Como principais ámbitos de accións e contidos o proxecto traballará no desenvolvemento dunha Biblioteca Internacional, o Museo Internacional da Ilustración, o Centro da InterCulturalidade e o Centro Internacional da Creatividade. Biblioteca Internacional Esta biblioteca especializarase en literatura infantil e científica sobre a creación literaria e artística para nenos e a mocidade. Incluirá un centro de documentación sobre literaturas infantís e diversidade cultural, un portal trilingüe (galego, castelán e inglés) e unha Sala de investigación e servizo de asesoramento lector. Museo Internacional da Ilustración Ademais dunha colección permanente da obra de ilustradores de todo o mundo, a intención é organizar exposición temporais e itinerantes así como obradoiros formativos e especializados, un museo virtual e un espazo de experimentación interactiva onde distintas culturas e as súas manifestacións atopen un punto de encontro. Centro Internacional da InterCulturalidade Este centro estará articulado en base a un Banco de Ideas e Tempo (BIT) que se deseña como un espazo en liña para o intercambio de experiencias, tempo e proxectos sobre multiculturalidade. Ademais, incluirá o portal IRE.net para o Intercambio de Recursos en Rede entre distintas comunidades culturais, o Plan para Asociar a Diferenza á Normalidade (ADAN) orientado á integración na cultura de persoas con necesidades especiais e a radio-TV campUSCulturae especializada en diversidade cultural. Centro Internacional da Creatividade O obxectivo é desenvolver unha plataforma de experimentación entre linguaxes infantís e arte contemporánea, cun espazo de creación músico-literaria e un laboratorio de autoedición e de libros únicos e de artista. Complementando o conxunto, o centro disporá dun escaparate virtual das culturas, baixo a denominación de ‘A Prazas das Palabras do Mundo’, un laboratorio permanente de experimentación coas artes escénicas e a palabra e un calidoscopio de sensacións. Socios Esta acción será desenvolvida en rede con institucións doutros cinco países da Unión Europea, concretamente co Minority Studies Society Studii Romani de Bulgaria; o Vigdís Finnbogadóttir Institute of Foreign Languages. da Universidade de Islandia; a universidade de Lodz (Polonia); a consultora alemá CHE Consult GmbH; e a Associaçao Cultural e Pedagógica ‘Ponte nas ... ondas’. Próximas actividades As actividades que se celebrarán ao abeiro deste proxecto arrancarán o vindeiro mes de setembro en Compostela coa celebración do Festival das Letras e continuarán coa presentación, en outubro, do 1º número da revista campUSCulturae e do proxecto na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México) no mes de decembro. O reitor presidiu a xornada, acompañado de Xosé A. Neira, Tomasz Domanski e Lurdes Carita

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.07.2011.