Ir o contido principal

USC en liña

O reitor ten posto a disposición das autoridades sanitarias todas as capacidades da Universidade. FOTO: Santi Alvite
O reitor ten posto a disposición das autoridades sanitarias todas as capacidades da Universidade. FOTO: Santi Alvite
A Resolución de Protocolos de Actuación na USC durante o Estado de Alarma regula unha serie de medidas para protexer o seu persoal e o desenvolvemento da actividade non presencial
Lugo, Santiago de Compostela

Mentres dure a situación de peche das instalacións na USC, o Persoal Docente e Investigador (PDI) pasará a desenvolver a súa actividade, de acordo coa Resolución de Protocolos de Actuación durante o Estado de Alarma, aprobada este luns, de xeito non presencial dende os respectivos enderezos particulares. Polo que respecta ao Persoal de Administración e Servizos (PAS), as persoas que realicen funcións dentro de edificios ou instalacións administrativas que permitan o seu desenvolvemento a distancia, prestarano dende o seu domicilio en modalidade non presencial. O resto deste colectivo deberá permanecer no seu domicilio quedando as súas actividades suspendidas temporalmente. Todo o persoal deberá estar localizable durante o tempo que dure o peche das instalacións da USC, que manterán todos os servizos de fluxo eléctrico con normalidade.

A medida implica ademais a suspensión dos termos e os prazos administrativos dos procedementos, entre outros, de selección, provisión e de adxudicación de contratos abertos neste momento na USC. Ademais, os prazos de prescrición e caducidade de calquera acción e dereito quedarán suspendidos durante o prazo de vixencia do Estado de Alarma e, se fose o caso, das prórrogas que se adopten.

Traballo non presencial

Os responsables dos servizos e unidades administrativas da USC disporán a organización necesaria para o desenvolvemento de traballo non presencial, de tal modo que o persoal poda desenvolver a súa actividade dende o seus respectivos domicilios. En todo caso, durante a xornada laboral, cada persoa deberá estar localizable e ter activado o correo corporativo e o teléfono móbil persoal. Para a organización do traballo, empregaranse ferramentas corporativas virtuais.

Prohibición de acceso aos edificios da USC

A resolución reitoral aprobada este luns contempla asemade a desactivación automática de todas as tarxetas de acceso aos edificios da USC agás para as persoas responsables das instalacións. O acceso mediante outros mecanismos queda prohibido para todo o persoal que non forme parte da listaxe autorizada. Neste senso, só disporán de autorización para acceder ás instalacións o persoal que teña que prestar servizo de xeito presencial ou ben que teña que acceder puntualmente para realizar o mantemento básico de equipamentos e infraestruturas. En todo caso, seguiranse en todo momento as recomendacións das autoridades sanitarias no relativo á atención ao público, a distancia de seguridade e as medidas de hixiene establecidas.

Excepcionalidade

Estas son algunhas das medidas recollidas nesta nova resolución reitoral que regula o réxime de prestación de servizos do persoal da USC, así como o acceso ás instalacións e edificios da Universidade mentres dure a situación de peche. Como sinalou o reitor Antonio López, “somos moi conscientes da excepcionalidade das medidas e das incomodidades que producen en toda a comunidade universitaria. Pero este tamén é o momento para que todas e todos nós poñamos de manifesto a nosa responsabilidade para atallar un problema social desta magnitude e que, neste momento, o que nos demanda é permanecer nos nosos domicilios atendendo, na medida do posible, as nosas obrigas de xeito non presencial”.

O reitor ten posto a disposición das autoridades sanitarias todas as capacidades da Universidade, tanto persoais, particularmente as relacionadas coa saúde, como as materiais e de infraestruturas para colaborar neste obxectivo común. Ademais, Antonio López agradeceu “enormemente todas as mostras de apoio que se teñen recibido nestes días e apelo á responsabilidade de todos para cumprir do xeito máis estrito estas medidas. Ese é o comportamento que hoxe se espera de nós e que nos permitirá  superar con éxito esta crise global”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2020.