A USC mantén aberto ata o 28 de xuño o prazo para presentar propostas de novos títulos ás coleccións Esenciais e Unidades Didácticas
O Servizo de Normalización Lingüística da USC mantén abertas ata o próximo 28 de xuño as convocatorias para incorporar títulos ás coleccións Esenciais e Unidades Didácticas, recursos orientados a apoiar o traballo do profesorado e do alumnado nos seus diferentes papeis na docencia.
Poderá presentar propostas a estas dúas convocatorias o Persoal Docente e Investigador da USC a título individual ou en grupos de ata un máximo de tres. Tanto no caso individual como no de grupo cómpre que polo menos unha das persoas participantes sexa profesorado con vinculación permanente da USC ou que no caso de que non a teña verifique que no POD do curso actual imparta docencia expositiva ou interactiva en lingua galega.
Esenciais
Cos Esenciais trátase de resumir, en moi poucas follas, unha materia ou unha parte significativa dela, de modo que este material acabe converténdose nunha guía de referencia que acompañe o alumnado no proceso de aprendizaxe dos contidos dunha materia. Constitúen un resumo executivo do curso con información veraz e contrastada fronte a fontes dixitais non verificadas e servirán para mellorar a comunicación lingüística en galego no eido científico na Universidade.
As propostas Esenciais USC que se presenten a esta convocatoria deberán dirixirse preferentemente a fornecer de maneira didáctica e resumida conceptos esenciais dunha materia ou grupos de materias dos primeiros cursos de graos universitarios. Valorarase tamén que poidan ser utilizados en estudos de bacharelato.
Unidades Didácticas
Pola súa banda, co proxecto docente e editorial da USC Unidades Didácticas búscase achegar os propósitos de aprendizaxe, a concreción do proceso de ensino-aprendizaxe e a verificación das metas acadadas nun contido didáctico. Trátase dun plan detallado que inclúe a presentación da materia, os obxectivos, o contido ou contidos abordados, a metodoloxía docente e a avaliación que o profesorado propón para traballar unha das temáticas que integran, xunto con outras, unha materia dunha titulación.
A Universidade de Santiago leva anos publicando unidades didácticas a través dunha colección que pretende atinxir unha docencia de maior calidade e unha maior presenza do galego nas aulas universitarias. Con esta convocatoria persegue aumentar en quince os títulos desta colección.