A USC mantense entre as universidades do mundo máis comprometidas co medio ambiente

A USC mantense un ano máis entre as universidades máis comprometidas en cuestións de medio ambiente, segundo se desprende dos novos resultados do ránking GreenMetric, “a primeira e única clasificación de universidades do mundo que mide o compromiso de cada universidade participante no desenvolvemento dunha infraestrutura respectuosa co medio ambiente". De entre as 619 institucións de 76 países que este ano figuran na listaxe, a Universidade de Santiago ascende á posición 283.
O GreenMetric avalía seis indicadores de cada universidade: Enerxía e cambio climático (21% da nota final), Xestión de residuos (18%), Transporte (18%), Educación (18%), Configuración e infraestrutura (15%), Uso da auga (10%). O equipo encargado da clasificación selecciona criterios que xeralmente están considerados como de importancia para as universidades no ámbito da sustentabilidade. Así, inclúen información relativa ao tamaño da institución, zona de influencia e emprazamento, para deste xeito ter unha referencia do grao de espazos verdes asociados ás instalacións universitarias. Tamén se presta atención ao consumo eléctrico, sistemas de transporte, uso da auga, tratamento de residuos.