Ir o contido principal

A USC mellora a súa posición no ránking mundial QS co incremento de materias destacadas

A produción científica é un dos indicadores que ten en conta esta clasificación mundial. Foto: Santi Alvite
A produción científica é un dos indicadores que ten en conta esta clasificación mundial. Foto: Santi Alvite
A institución compostelá aumenta de 13 a 19 os ámbitos temáticos co mellor rendemento nesta clasificación, que avalía o rendemento de máis de 1.500 universidades

O World University Ranking QS sitúa a USC entre as mellores institucións universitarias nun total de 19 ámbitos temáticos das cinco áreas de coñecemento, segundo os datos que acaba de facer públicos na súa clasificación por materias correspondente a 2024. Os datos deste ano confirman a tendencia alcista neste ránking da USC, que incrementou o número de materias entre os 200 primeiros postos.

Os ámbitos nos que máis destaca a USC neste ránking son os de Arqueoloxía, Farmacia e Farmacoloxía e Lingüística, que se sitúan no intervalo 151-200 das universidades do mundo. Tamén en postos destacados (intervalo 201-250) se atopan Historia, Linguas Modernas, Comunicación e media, Enxeñaría Química e Lingua e Literatura Inglesa. Química e Educación sitúanse no intervalo 251-300, e completan este ránking de materias destacadas no ámbito mundial Agricultura e Forestal, Dereito, Física e Astronomía, Matemáticas, Ciencias Ambientais, Medicina, Ciencias Biolóxicas, Economía e Econometría e Ciencias da Computación e Sistemas de Igformación.

O vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, destaca o incremento que este ano experimentou a USC en canto ao número de materias nas que acadou un posicionamento destacado, pasando de 13 a 19 entre 2021 e 2024. Máis aló de que os ránkings son "sempre visións parciais da actividade universitaria en función dos indicadores que analizan", non cabe dúbida que “representan tamén fotos dinámicas que achegan valor engadido sobre a capacidade das universidades, neste caso sobre a súa competencia en ámbitos temáticos concretos”. En conxunto, conforman unha “información de utilidade e unha oportunidade de coñecernos mellor en relación á nosa contorna, o que vai redundar na toma das decisións máis oportunas en base a datos reais e á percepción que dende fóra teñen de nós”.

QS emprega cinco métricas clave para elaborar as clasificacións por materias. Os indicadores de reputación, que avalían o rendemento global mundial das universidades, baséanse nas respostas de máis de 240.000 empregadores e académicos ás enquisas de QS, mentres que as citas por artigo e o índice H miden, a partir dos indicadores públicos de produción científica do persoal investigador, o seu impacto e produtividade. Pola súa banda, a Rede Internacional de Investigación (IRN) reflicte a diversidade e o alcance das conexións de investigación dunha institución e a eficacia de establecer estas redes globais. En todas elas a USC alcanza índices moi elevados, destacando de maneira global os de reputación, citacións e índice H.

Ránking QS
A edición 2024 do QS World University Rankings by Subject, publicada polo analista global de educación superior QS Quacquarelli Symonds, proporciona unha análise comparativa independente sobre o rendemento de máis de 16.400 programas universitarios individuais, cursados por estudantes de máis de 1.500 universidades en 96 lugares de todo el mundo, a través de 55 disciplinas académicas e as cinco grandes áreas de coñecemento.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2024.