A USC mostra en Fonseca os seus fondos documentais, iconográficos e bibliográficos sobre Valle Inclán

Ata o 24 de maio, no Colexio de Fonseca, a USC mostrará parte dos seus fondos documentais, iconográficos e bibliográficos sobre o escritor Valle-Inclán. A exposición ‘Valle-Inclán Debuxado/Obra Ilustrada (Fondos da USC)’ inaugurouse o mércores, 22 de abril, ás 19.30 horas, baixo a presidencia do reitor, Senén Barro.
No mesmo acto entregouselle a insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela a Mercedes Alsina Gómez-Ulla, viuva de Carlos del Valle-Inclán, distinción que recolleu o seu fillo Fernando. Interviron ademais a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo, e os comisarios da mostra Javier Serrano e Margarita Santos Zas, directora da Cátedra Valle-Inclán.
A exposiciónA mostra estrutúrase nun dobre percorrido no tempo que abrangue tanto a figura como a obra do escritor galego de xeito que consta de dúas seccións, unha primeira iconográfica que reúne máis de 200 caricaturas e retratos de Valle, publicados maioritariamente na prensa e asinados polos mellores debuxantes e pintores da época; e unha segunda bibliográfica, cuxa novidade estriba en destacar o exquisito e orixinal labor de deseño e ilustración da obra valleinclaniana.
A primeira parte da mostra (exhibida en Lugo, en novembro e decembro de 2008, baixo o patrocinio do Concello de Lugo, a Cátedra Valle-Inclán e Caixanova) presenta documentos asinados por, entre outros, Castelao, Alvaro Cebreiro, Vivanco, Maside, Bagaría, Moya del Pino e Toño Salazar, algúns deles ilustradores dos seus libros, que permiten apreciar non só a fascinación que a figura do escritor suscitou entre os seus contemporáneos, senón tamén vislumbrar un panorama da caricatura no primeiro terzo do século XX.
Na segunda parte expóñense 153 edicións, publicadas en vida do autor vilanovés, acompañadas dunha escolma –máis de 1.000 imaxes- que mostra aqueles elementos que mellor definen o deseño gráfico orixinal dos seus textos. Así, pódese apreciar a súa variedade e evolución (tipografías, motivos ornamentais, ilustracións…), constituíndo un dos expoñentes máis elocuentes da renovación das artes do libro nas primeiras décadas da pasada centuria.
Comisarían a primeira parte da exposición Javier Serrano Alonso e Amparo de Juan Bolufer, e Margarita Santos Zas e Francisca Martínez a segunda. A mostra permanecerá aberta de martes a sábado de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas.