A USC e o Museo do Pobo Galego conmemoran o terceiro centenario do falecemento de Frei José de Vaquedano

A USC e o Museo do Pobo Galego organizan entre o 19 de outubro e o 16 de novembro, un ciclo de conferencias e concertos arredor da figura de Frei José de Vaquedano, un dos grandes compositores do barroco español, no ano en que se cumpren 300 anos do seu falecemento. O programa presentárono este venres en Fonseca o vicerreitor de Cultura, Estudantes e Formación Continua, Francisco Durán; o director do Museo do Pobo Galego, Carlos García; e o responsable académico do ciclo, o profesor da USC Carlos Villanueva. Natural de Puente la Reina (Navarra), Vaquedano é elixido en 1680 para ocupar o cargo de mestre de capela da catedral de Santiago, posto no que permanece durante trinta anos ata a súa xubilación en 1710. Excelente compositor, deixou unha obra sobresaínte pola súa calidade e variedade. Mostra disto son as numerosas composicións que, froito da súa longa vinculación á capela compostelá, atesoura o arquivo musical da catedral. Foi precisamente cunha obra de Vaquedano, as súas Lamentacións, coa que se estreou en 1978 o Grupo Universitario de Cámara da USC, como lembraba o catedrático Carlos Villanueva. Concertos O programa inclúe tres concertos de grupos galegos con música do propio Vaquedano e de autores contemporáneos, que se celebrarán na Igrexa da Universidade con entrada libre. O primeiro, a cargo do Ensemble Galante, terá lugar o 28 de outubro con obras de Bach, Locatelli, Justini e Scarlatti. O 4 de novembro Manuel Vilas, coa soprano Mercedes Hernández e o tenor Francisco Fernández, interpretará catorce das pezas (Tonos humanos) recollidas no Manuscrito Guerra que se custodia na Biblioteca da USC. O Coro Universitario e a Capella Compostelana, baixo a dirección de Miro Moreira, actuarán o 11 de novembro cun programa de Vaquedano, Buxtehude, Purcell e Zipoli. Conferencias Co período de inscrición aberto ata o 10 de outubro, o ciclo inclúe ademais dez conferencias –t odas elas a desenvolver no Museo agás a sesión de clausura, que será no Paraninfo da Universidade- a cargo de destacados expertos da Universidade de Santiago e de ámbitos profesionais que contribuirán ao coñecemento da figura de Vaquedano. Así, intervirán José María Díaz Fernández, Carlos Villanueva, Xosé Luis Barreiro, Andrés Rosende, Xerardo Estévez, Juan Monterroso, Joam Trillo, Ofelia Rey, José López Calo e Javier Garbayo. O ciclo, no que colaboran o Consorcio de Santiago e a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), está vinculado á celebración do 800 aniversario da consagración da catedral de Santiago e ao Ano da Música.