Ir o contido principal

A USC e a Nacional Autónoma de México celebran nun congreso os setenta anos de Cuadernos Americanos

O coloquio celébrase no CEA, onde o inaugurou o reitor (no centro da imaxe). Foto: Alfonso-Servimav
O coloquio celébrase no CEA, onde o inaugurou o reitor (no centro da imaxe). Foto: Alfonso-Servimav

As Universidades de Santiago de Compostela e Nacional Autónoma de México (UNAM) organizan o Coloquio Internacional ‘Setenta anos de Cuadernos Americanos: Migración e exilio español republicano (1942-2012)’. O encontro desenvólvese no Centro de Estudos Avanzados dende este martes ata o xoves 11. Ao longo das tres xornadas trataranse cuestións relacionadas coa revista internacional Cuadernos Americanos, fundada en 1942 por un grupo de intelectuais mexicanos e españois exiliados e dedicada á reflexión sobre temas e problemas de América Latina. O encontro inaugurouno o reitor Juan Casares, que estivo acompañado da directora do Centro de Estudos Avanzados, a profesora María Xosé Rodríguez Galdo; da decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, Emilia Vázquez; da directora xeral de Proxectos Universitarios da UNAM, Mª del Carmen Puche; e do director do Centro de Investigación sobre América Latina e do Caribe da UNAM, Adalberto Santana, encargado da conferencia de apertura titulada ‘Sete décadas de Cuadernos Americanos’. A sesión continuou coa intervención do profesor da USC José Manuel González Herrán sobre as colaboracións de Emilia Pardo Bazán na prensa americana entre 1879 e 1921 e de Pedro Pérez e Inmaculada Simón, da Universidade de Alcalá de Henares, sobre os retornados da emigración e do exilio. Do exilio arxentino e mexicano de Rafael Dieste fala pola tarde o catedrático Darío Villanueva, a quen lle sigue de novo María Xosé Rodríguez Galdo cunha intervención sobre a contribución do equipo CEPAM ao estudo das migracións e o exilio en Galicia. Novas realidades migratorias O embaixador mexicano Gilberto Bosques e o seu apoio ao exilio español en Marsella, a lei de cidadanía española no exterior ou a Biblioteca América da USC son outras cuestións a tratar nos seguintes dous días que dura o encontro científico. Das universidades organizadoras levan o peso do coloquio a Rede de Investigadores en Demografía, Historia Económica e Migracións da USC (Grupo RIDHEM) –que presentará a súa achega ao estudo das migracións e o exilio en Galicia- e o Centro mexicano de Investigacións sobre América Latina e o Caribe. De aí que moitas das intervencións se centren na pegada do exilio, os retornados e as novas realidades migratorias. De esquerda a dereita, Juan Casares, Darío Villanueva e Adalberto Santana. Foto: Alfonso-Servimav

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2012.