Ir o contido principal

A USC nutre de titulados en ADE, Económicas e Empresariais desde 2002 o cadro de persoal da firma austríaca LKW Walter

A compañía xustifica o seu interese polos egresados da USC pola calidade da súa formación e pola excelente xestión dos programas de prácticas e mobilidade

A compañía austríaca LKW Walter, dedicada á organización internacional de transporte de cargas completas (por estrada, tren ou barco) no continente europeo, Rusia, Asia Central, norte de África e Oriente Medio, selecciona titulados/as da USC desde hai máis dunha década para o seu cadro de persoal, segundo puxo de manifesto Stefan Massinger, responsable do departamento de recursos humanos da citada empresa, durante o último proceso de selección de candidatos que vén de desenvolver na Facultade de Económicas e Ciencias Empresariais de Santiago.

A calidade da formación acreditada polos titulados/as da USC e a excelente xestión dos programas de prácticas e mobilidade na institución académica compostelá son, na opinión deste directivo, dous dos motivos polos que a empresa LKW Walter mantén o seu interese por incorporar egresados/as da USC ao seu cadro de persoal. A empresa austríaca, que na actualidade conta con preto de 1.500 traballadores, comezou a súa relación coa USC no ano 2002, cando unha titulada da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo, completou unha estadía en prácticas na planta que a firma LKW Walter ten no Tirol austríaco e logo pasou a formar parte do seu cadro de traballadores. Logo desta primeira experiencia satisfactoria, LKW Walter pasou a ser de xeito permanente unha empresa de acollida de titulados/as da USC en prácticas a través do programa Europracticum. Esta relación de colaboración aumentaría co paso do tempo, ben a través da xestión das ofertas remitidas por estas empresa á da bolsa de emprego que xestiona a Área Orientación Laboral e de Emprego da USC e tamén a través destes procesos de selección de candidatos/as. A coordinadora do servizo de Orientación Laboral no campus de Lugo, Gloria Cruz, sinala que o perfil dos candidatos/as que busca LKW Walter é o dos/as novos/as titulados/as en ADE, Economías e/ou empresariais que saiban falar e desenvolverse en alemán. Todas as persoas seleccionadas pasan un programa de formación na propia empresa durante un ano, cun salario neto superior aos 1.300 euros, contía que se incremneta de xeito sensible cando o traballador pasa a ser lider de grupo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.03.2014.