A USC oferta cursos e actividades de danza nos campus de Santiago e de Lugo
Este luns 9 de setembro a USC abriu no campus compostelán o prazo de inscrición nos cursos de formación sobre danza contemporánea ou tradicionais de Galicia, xunto con outros de asesoramento para a formación de compañías independentes de danza. O prazo de matrícula remata o venres 27 de setembro.
Para o curso 2024/25 ofértanse en Santiago cursos de iniciación e de continuación de danza contemporánea; danza creativa, danza tradicional galega -que permite coñecer a diversidade dos bailes galegos-, tango e pandeireta e outros instrumentos de percusión tradicionais para o acompañamento do canto.
Así mesmo, as persoas que participaran no curso de Danza contemporánea II ou que pertenceran á compañía de danza da USC en anos anteriores poderán solicitar integrarse na Compañía de danza da USCompostela. Esta compañía de danza universitaria dedícase á creación e investigación do movemento e a composición coreográfica no ámbito da danza contemporánea, que dará como resultado unha peza que se presentará posteriormente ao público. A proposta final será o froito do traballo no curso de Danza contemporánea II utilizando material traballado e a posta en común de propostas do estudantado.
Campus de Lugo
A matrícula para participar nas actividades de danza do campus de Lugo abre o luns 16 de setembro e remata o luns 30 de setembro. Para este curso ofértanse nesta cidade actividades de formación en danza contemporánea, danza creativa, tradicional galega, ioga danza e voz e movemento.
Así mesmo pode solicitarse o ingreso na Compañía de danza USC. Campus de Lugo se en cursos anteriores se participou no curso de danza contemporánea ou no de danza creativa, ou se se pertenceu á compañía de Danza da USC en anos anteriores. Tamén é posible solicitar a admisión na Compañía de Danza ‘Sen vergoña’, sempre que se participara no curso de danza creativa ou se se pertenceu a esta compañía en anos anteriores.
Crea o teu grupo de danza
A USC conta ademais cun programa de apoio ás compañías independentes de danza que se desenvolve de xaneiro a abril de 2025 e que inclúe a asesoría de creación e produción coreográfica, un servizo de préstamo e espazos de ensaio.