A USC oferta para o vindeiro curso máis de mil prazas de aloxamento no seu Servizo Universitario de Residencias

O Servizo Universitario de Residencias da USC (SUR) ofrecerá o vindeiro curso un total de 1.071 prazas de aloxamento distribuídas nas súas tres residencias universitarias, unha delas en Lugo, e outros tantos colexios maiores. O prazo para a presentación de instancias permanecerá aberto dende o 16 de maio ata o 15 de xuño no caso das persoas que solicitan a readmisión, e entre o 1 e 30 de xuño para as de nova admisión. Do total das prazas ofertadas, 911 destinaranse a estudantes de grao e de primeiro e segundo ciclo, 110 a estudantes de másteres universitarios oficiais, de programas de doutoramento e investigadores en formación , 15 a alumnos de cursos de posgrao propios, 8 a Persoal Docente e Investigador e Persoal de Administración e Servizos, e 27 para membros da comunidade universitaria da USC discapacitados. Están subvencionadas todas as prazas asignadas aos estudantes cuxa Renda Persoal Dispoñible (RPD) sexa inferior a 9.000 euros. Os prezos das habitacións oscilarán entre os 45 euros da máis barata ata o 286 da máis custosa. Logo de procesadas as solicitudes, o día 22 de xullo publicaranse as listas provisorias de solicitantes admitidos, facendo constar a súa puntuación e a orde de preferencia dos centros. O 9 de agosto coñeceranse as listas definitivas de admitidos, a lista de agarda e a relacións de excluídos. As persoas que figuren en lista de agarda e desexen seguir optando a unha praza no SUR deberán confirmalo antes do 18 de agosto. Mobilidade internacional Ademais, no camiño do reforzamento da internacionalización na USC aprobáronse un total de 100 prazas no SUR para os estudantes que participen ao longo do vindeiro curso nos programas de mobilidade internacional. O prazo de presentación das solicitudes remata o 31 deste mes. Convocatoria de verán A maiores destas convocatorias, o SUR tamén ofrece para o verán prazas nas residencias Monte da Condesa e Burgo das Nacións, nos Colexios Maiores Fonseca e San Clemente, todos eles en Santiago, e na Jesús Bal y Gay de Lugo, neste último caso salvo en agosto. Poderán solicitar praza as persoas que foran residentes durante o presente curso; as que realicen traballos investigación, administración ou laborais que impliquen a necesidade de permanencia continuada en Santiago ou Lugo; as que vaian participar en actividades da Universidade de verán; os estudantes que vaian realizar exames de setembro (só dende o 22 de agosto ao 17 de setembro) e os alumnos que vaian participar en setembro nos cursos de español para estranxeiros. O prazo de solicitude para esta convocatoria permanecerá aberto ata o 29 de xuño, estendéndose ata o 5 de agosto para os que sexa para preparar os exames de setembro.