Ir o contido principal

A USC ofrece para o curso 2014-15 no campus de Lugo 1.048 novas prazas en 15 títulos de grao, seis deles únicos en Galicia

Carme Silva, Javier Bueno e Pilar García Porto, na presentación da oferta académica da USC
Carme Silva, Javier Bueno e Pilar García Porto, na presentación da oferta académica da USC
Bueno ve atractiva a oferta académica do cuarto campus de Galicia por número de alumnos e títulos e Silva salienta a busca de novos perfís de estudantes coa formación en liña

A USC ofertará o próximo curso 2014-15 no campus de Lugo un total de 1.048 novas prazas en 15 títulos de grao, dos que seis son únicos no Sistema Universitario Galego (SUG), ademais de 11 másteres e diversos programas de doutoramento. Esta programación académica, atractiva, ampla e innovadora, dota ao campus de Lugo da singularidade formativa e da entidade propia que lle corresponde á unha sede académica que, por número de matriculados/as e oferta de estudos, está consolidada como o cuarto campus universitario dos sete existentes en Galicia e o primeiro dos non principais (Santiago, A Coruña e Vigo), segundo dixo o vicerreitor Javier Bueno.

As estatísticas de titulacións e estudantes coloca o campus de Lugo nunha posición vantaxosa na súa contorna máis próxima, pero a análise doutros indicadores de máis impacto, como o son os niveis de produción científica, a excelencia académica e de investigación ou mesmo a prestación de servizos, elevan a USC, en xeral, e o campus de Lugo, en particular, aos primeiros lugares de ránkings nacionais e internacionais, salientou o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo na presentación da oferta académica da USC para o próximo curso. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva, e a deputada delegada da área de Economía, Recadación e Facenda da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, tamén participaron neste acto informativo, celebrado no auditorio da Casa do Saber. A Facultade de Veterinaria é un centro de referencia en Europa, como tamén Lugo é referente no eido das enxeñarías agrícolas, agroalimentarias e forestais. Este recoñecemento non é baladí, senón que é o froito dun traballo ben feito e de non caer no desánimo. Este tamén é o camiño que están a seguir outras titulacións máis novas, como Enxeñaría Civil ou Xeomática e Topografía, vítimas colaterais da abrupta redución da inversión e da obra pública, ou mesmo o grao en Procesos Químicos Industrias, un atractivo itinerario que abre as portas a posibilidades aínda pouco coñecidas, explicou. A posta en marcha dos novos graos en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria na EPS, así como o de Xestión de Pequenas e Medianas Empresas, na Facultade de ADE, son as dúas principais novidades da oferta académica da USC en Lugo, unha programación estable nos últimos anos, que abrangue todas as principais áreas do saber, e que pode ser sostible, cando non reforzada no futuro, engadiu o vicerreitor de Coordinación de Lugo. Estes novos títulos, xunto coa modalidade semipresencial do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural son proba de que o campus de Lugo, xa sexa nas áreas experimentais, de enxeñaría, ciencias da saúde ou mesmo no caso das Humanidades e das ciencias sociais, traballa e innova para adaptarse ás novas realidades e demandas sociais. O amplo abano de cursos ponte ofertados para o próximo curso son tamén exemplo da capacidade de adaptación e do compromiso social da USC, que busca dar respostas á sociedade e satisfacer os seus intereses, afirmou Bueno Lema. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva, salientou neste senso que a sede universitaria luguesa aspira a converterse en referente galego na captación de novos perfís de estudantes, ao abrir a posibilidade de completar parcialmente en liña algunhas das súas titulacións, e coa oferta dun abano de ata once cursos ponte, uns programas formativos tamén de carácter semipresencial. A significada caída da matrícula experimentada nos últimos anos na universidade española e que reduciu á metade o número de estudantes do Sistema Universitario Galego na última década non pode ser un escollo insuperable para unha institución cinco veces centenaria como o é a USC, nin para a súa sede de Lugo, indicou Bueno Lema, que atribuíu este feito á conxuntura demográfica, á redución da duración dos títulos universitarios coa implantación do modelo de Boloña e, no caso de Lugo, ao descoñecemento ou pouco coñecemento da súa oferta. Sabedor das dificultades existentes, o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo aposta por seguir a traballar na difusión e na internacionalización do campus de Lugo para así atraer máis alumnado, ao tempo que convida a ollar con optimismo o novo proceso de matrícula na USC, un calendario que comeza hoxe. “Hai indicadores que nos fan ser optimistas”, dixo Bueno para, acto seguido amosar publicamente a súa satisfacción pola campaña de promoción do campus de Lugo e o programa de bolsas a novas matrículas financiado pola Deputación de Lugo e a través do que a USC e a Deputación de Lugo pretenden estimular a matrícula en sete dos títulos de grao impartidos no campus lugués. A deputada delegada da área de Economía, Facenda e Recadación da Deputación Provincial de Lugo, Pilar García Porto, sinalou o éxito da campaña de promoción do campus lugués a través das rede sociais. Así, García Porto dixo que a web www.paraestudarlugo.com, recibiu preto de 19.000 visitantes, a maioría de Galicia, pero tamén doutras moitas provincias españolas desde a súa apertura a comezos de xullo. Oferta académica da USC A USC impartirá o vindeiro curso 2014-2015 nos seus campus de Santiago e Lugo 48 graos, ademais de 59 másteres universitarios, 54 programas de doutoramento e tres títulos propios, estes últimos nos eidos da criminoloxía, xestión hostaleira e especialización orquestral. O futuro alumnado que, a partir de hoxe formalice a súa inscrición nalgunha das titulacións ofertadas nos centros universitarios do campus de Lugo poderá elixir entre entre Administración e Dirección de Empresas (125), Ciencias da Cultura e Difusión Cultural (40), Enfermaría (68), Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria (50), Enxeñaría Civil (50), Enxeñaría Forestal e do Medio Natural (80), Enxeñaría en Xeomática e Topografía (50), Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais (80), Lingua e Literatura Españolas (25), Mestre en Educación Infantil (90) e en Educación Primaria (90), Nutrición Humana e Dietética (60), Veterinaria (110), Relacións Laborais e Recursos Humanos (65) e, de nova implantación, o grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas (45). A oferta de títulos para os campus de Santiago ascende a 33 graos. Trátase de Administración e Dirección de Empresas (200 prazas), Bioloxía (150), Ciencia Política e da Administración (125), Comunicación Audiovisual (50), Dereito (180), Economía (150), Educación Social (75), Enfermaría (150), Enxeñaría Informática (60), Enxeñaría Química (60), Farmacia (200), Filoloxía Clásica (25), Filosofía (65), Física (100), Historia (100), Historia da Arte (100), Lingua e Literatura Españolas (50), Lingua e Literatura Galegas (50), Lingua e Literatura Inglesas (100), Linguas e Literaturas Modernas (75), Medicina (350), Mestre en Educación Infantil (80), Mestre en Educación Primaria (140), Odontoloxía (50), Óptica e Optometría (60), Pedagoxía (75), Psicoloxía (150), Química (125), Relacións Laborais e Recursos Humanos (100), Traballo Social (90), Xornalismo (80), Matemáticas (120) e Xeografía e Ordenación do Territorio (69). Másteres Universitarios O total de másteres universitarios programados na USC cara o novo curso académico engloba de maneira equilibrada as grandes ramas de coñecemento. Así, o catálogo contempla 12 de Ciencias, 12 de Ciencias da Saúde (10 en Santiago, 2 en Lugo), 18 de Ciencias Xurídico-Sociais (15 en Santiago e 3 en Lugo), 8 en Enxeñarías e Arquitectura (3 en Santiago, 5 en Lugo) e 9 de Artes e Humanidades (8 en Santiago e 1 en Lugo). Ademais, nesta última rama impartirase o máster Erasmus Mundus Encrucilladas nas Narrativas Culturais, cuxo proceso de admisión centraliza a Universidade de Perpignan. Esta oferta de posgrao contempla todos os perfís –académico, profesional ou investigador- así como tamén algún título que habilita para profesións reguladas (Psicoloxía Xeral Sanitaria, Profesorado de ESO e Bacharelato, FP e Ensino de Idiomas, Enxeñaría Agronómica e de Montes), ou que son requisito para o exercicio profesional, como Avogacía e Enxeñaría Química e de Bioprocesos. Matrícula A matrícula, que deberá realizarse por internet (www.usc.es/matricula), arranca hoxe cun primeiro prazo que rematará o venres 18 de xullo para primeiro curso de grao, establecéndose un período máis do 28 ao 30 deste mes e outros tres en setembro. Para continuar estudos o prazo estenderase do 17 de xullo ao 4 de setembro. Os másteres teñen ata o 6 de agosto como data límite tanto para a matrícula directa como para a solicitude de admisión, aínda que dada a variedade de modalidades as persoas interesadas deberán consultar os seus prazos específicos no web. As solicitudes de admisión para os cursos ponte deberán presentarse ata o 31 de xullo, mentres que as dos cursos de doutoramento do 20 de agosto ao 9 de setembro. Calendario As clases do primeiro semestre comezarán o 5 de setembro e rematarán o 19 de decembro; mentres que o segundo semestre irá do 27 de xaneiro de 2015 ao 13 de maio. Os exames celebraranse do 8 ao 23 de xaneiro e do 14 de maio ao 5 de xuño. Haberá unha última convocatoria de avaliación do 29 de xuño ao 17 de xullo. Matriculados en 2013-2014 No presente curso mantívose a tendencia crecente do número de matriculados por vez primeira experimentada ao longo dos últimos anos, pasando dos 6.044 do curso 2012-2013 aos 6.469 do presente. En termos globais, a USC matriculou a 26.260 estudantes (4.432 no campus de Lugo) este período académico, cunha porcentaxe de mulleres do 63,5%, maioritariamente de procedencia galega aínda que tamén de practicamente todas as provincias españolas. A este hai que sumar unha nutrida representación de estudantado dos cinco continentes. Mellores expedientes Dos 342 estudantes de Galicia cunha nota de 9 ou superior nas probas de acceso á Universidade, 174 matriculáronse en titulacións da USC, tanto no Campus de Santiago como no de Lugo. En concreto, estudaron este curso os graos de ADE, Ciencia Política e da Administración, Química, Medicina, Psicoloxía, Historia, Veterinaria, Filosofía, Historia da Arte, Mestre de Primaria, Bioloxía, Odontoloxía, Economía, Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Dereito, Lingua e Literaturas Modernas, Filoloxía Clásica, Enxeñaría Química, Enfermaría, Física, Matemáticas, Farmacia e Lingua e Literatura Inglesas, Española e Galega.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.07.2014.