Ir o contido principal

A USC ofrece para o curso 2017-18 un total de 61 másteres universitarios, dos que 12 se impartirán no campus de Lugo

A USC ofrece para o curso 2017-18 un total de 61 másteres universitarios, dos que 12 se impartirán no campus de Lugo
A USC ofrece para o curso 2017-18 un total de 61 másteres universitarios, dos que 12 se impartirán no campus de Lugo
A institución académica compostelá completa a súa programación de posgrao con outros 40 títulos propios

A Universidade de Santiago de Compostela ofrece para o próximo curso 2017-2018 un total 61 másteres universitarios, dos que 12 se impartirán no campus de Lugo. A programación de posgraos oficiais da USC presenta unha temática ampla que abrangue as distintas áreas do coñecemento: Artes y Humanidades (11), Ciencias (9), Ciencias da Saúde (12), Ciencias Sociais e Xurídicas (20) e Enxeñaría e Arquitectura (9).

Parte dos másteres universitarios programados pola USC para o xa cubriron a súa oferta de prazas para o próximo curso, mentres que outros contan con listas de agarda abertas que se irán resolvendo nas vindeiras datas e un terceiro grupo de programas que contan con prazas libres.

A diversidade temática e a amplitude da oferta de másteres universitarios da USC correspóndese ano tras anos cunha elevada demanda. A oferta de posgrao da USC contempla todas as orientacións e perfís, xa sexan académicos, profesionais ou investigador, ao tempo que tamén inclúe programas que habilitan para profesións reguladas ou constitúen títulos requiridos para o exercicio profesional.

Respecto dos másteres habilitantes para profesións reguladas, na oferta de programas de posgrao da USC cómpre sinalar os de Enxeñaría de Montes e Enxeñaría Agronómica, que se imparten na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, o máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas, que tanto se pode cursar en Compostela como en Lugo, así como o máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria, con sede en Santiago. Asemade, a USC tamén mantén na súa oferta de posgrao para o próximo curso másteres profesionalizantes, como o son de Avogacía, que se imparte en Santiago e Lugo, ou o de Enxeñaría Química e Bioprocesos.

A maioría dos títulos de máster integrados na oferta de estudos de posgrao da USC para o próximo curso presentan unha estrutura de 60 créditos ECTS, polo que a súa duración é dun curso académico. Aínda así, hai programas cuxa duración é maior, ao tratarse de programas de 90 ou 120 créditos ECTS.

Outra formación de posgrao

Alén dos programas oficiais ou másteres universitarios, a USC tamén inclúe na súa oferta formativa de posgrao másteres propios, cursos de especialización e outros programas, cursos e/ou seminarios de formación continua. Deste xeito, a USC inclúe na súa programación de formación de posgrao máis doutros 40 títulos propios. Esta oferta inclúe unha ampla relación de cursos de especialización e de formación continúa, ademais dos denominados cursos complementarios ou ponte, itinerarios formativos de duración determinada habilitados para que as persoas que xa contan cunha titulación universitaria poidan obter as competencias que proporciona o actual título oficial de grao.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.08.2017.