Ir o contido principal

A USC ofrece trece materias ponte aos estudantes que se matriculan por vez primeira

Co programa preténdese que os novos alumnos adecúen o seu nivel de coñecemento á carreira correspondente

Co obxectivo de que os alumnos matriculados por vez primeira na universidade adecúen o seu nivel de coñecemento á titulación que inician, a USC ofrece un total de trece Materias Ponte, previas ao inicio do curso académico e computables posteriormente por tres créditos de libre configuración. Nestas clases, adecuadas a cada unha das carreiras, abordaranse aqueles temas que os centros universitarios consideran mínimos necesarios para comezar a correspondente titulación.
Durante o vindeiro curso académico, as materias ofertadas a través desta iniciativa son sete no Campus de Santiago e seis no de Lugo. En Compostela impartiranse Matemáticas con diversas orientacións en función da titulación do estudante, así como Física, Química, Latín, Inglés, Francés e Lingua Galega. Xa no campus lugués as materias ponte serán Debuxo, Física, Química, Matemáticas, Latín e Lingua Galega.
O prazo de inscrición nas Materias Ponte manterase aberto ata o 12 de setembro. As clases impartiranse do 17 ao 28 de setembro, agás para os alumnos de Francés, que deberán asistir do 8 ao 22 de outubro. Como máximo, cada estudante poderá cursar dúas materias de nivelación. Ademais, a USC facilita prazas nas residencias universitarias para as persoas que teñan problemas de transporte ou aloxamento durante os días que se celebre o curso.
TitulaciónsNo Campus de Santiago, esta oferta docente destínase aos estudantes que van comezar as titulacións de Óptica e Optometría, Enxeñaría Química, Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas, Administración e Dirección de Empresas, Economía, Bioloxía, Farmacia, Filoloxía, Física, Historia, Historia da Arte, Matemáticas e Química, todas elas en Santiago.
Para o Campus de Lugo, as materias están orientadas aos alumnos das enxeñarías técnicas agrícolas; Enxeñaría Técnica en Topografía; Enxeñaría Técnica en Obras Públicas, Transportes e Servizos Urbanos; Enxeñaría Técnica Industrial, especialidade en Química Industrial; Ciencias Empresariais, Filoloxía Hispánica, Humanidades e Veterinaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.09.2007.