A USC organiza un curso sobre as novas aplicacións en espectometría de masas
A Universidade de Santiago, a través da Unidade de Espectrometría de Masas, organiza un curso sobre as novas aplicacións en espectometría de masas cuxas clases, dirixidas aos futuros usuarios da técnica HPLC-masas (triple cuadrupolo), comezarán o vindeiro 27 de febreiro. As sesións centraranse no estudo desta técnica analítica instrumental de alta sensibilidade e versatilidade capaz de identificar cualitativa e cuantitativamente calquera tipo de substancia, dando ademais información sobre a súa estrutura molecular.
As sesión teóricas, que terán lugar na Aula Magna da Facultade de Matemáticas, contarán coa participación do profesor do Instituto Universitario de Medicina Legal, Oscar Quintela; a docente do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía, Marta Lores; o investigador da Unidade de Análise e Purificación do Centro de Investigación Básica da empresa Janssen-Cilag, Luis Miguel Font; e o enxeñeiro Manuel Lolo Aira. Os profesores da Unidade de Espectrometría de Masas da USC, Esteban Guitián e Noemi Landra, impartirán as clases prácticas na propia Unidade.
Nas dúas xornadas que dura o curso, os asistentes aprenderán os principios xerais da técnica, a súa aplicación á toxicoloxía forense, as estratexias para aplicacións medioambientais ou o uso desta técnica no laboratorio de química médica.