A USC organiza en Lugo un curso de verán para analizar os novos retos e oportunidades da profesión veterinaria
A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo será a sede do curso de verán da USC Retos e oportunidades para as novas xeracións de profesionais veterinarios, que se desenvolverá entre os días 16 e 20 de xullo. O curso está dirixido polo catedrático de Patoloxía Animal da USC Pablo Díez Baños e o profesor da Facultade de Veterinaria Pablo Díaz Fernández, mentres que a profesora Rosario Panadero Fontán desenvolve os labores de secretaría. “Existe unha preocupación constante respecto das esixencias e posibilidades que a sociedade demanda actualmente da profesión veterinaria, que ten un campo de actuación moi amplo. Cando un estudante de veterinaria finaliza a súa formación, necesita orientación sobre posibilidades de futuro que se lle presentan, moitas das cales non pode nin sequera considerar porque as descoñece por completo. Esa orientación non resulta doada de atopar, dada a enorme dispersión das fontes de información e o amplo abano de opcións para elixir”, indican os organizadores do curso. Ese é o obxectivo principal do curso, segundo os seus responsables: “A través da experiencia de personalidades relevantes do mundo da veterinaria, agardamos abrir portas e espertar moitas e novas inquedanzas nos inscritos a este curso, que terán ocasión de coñecer de primeira man exemplos de aplicación da profesión veterinaria nos ámbitos rexional, nacional e mesmo internacional, con preferencia pola situación e posibilidades dentro da Unión Europea”. Programación do curso Ao longo dos cinco días do curso profesores da USC e doutras universidades, profesionais veterinarios e representantes de asociacións, de entidades representativas deste sector e da Administración achegarán aos asistentes as claves para unha escolla axeitada da súa futura especialidade profesional. Ademais das sesións teóricas (relatorios e mesas redondas), os alumnos participarán en varios talleres sobre o uso de medios informáticos para a busca eficaz de oportunidades de ocupación e emprego. Actividades como o control e mellora do rendemento gandeiro, os centros de cría e experimentación animal, a elaboración e execución de programas de saneamento gandeiro, os centros tecnolóxicos agroalimentarios, os laboratorios farmacéuticos, a posta en marcha dunha clínica veterinaria ou o traballo con animais de vida libre, de caza ou de zoo son algúns das posibilidades de inserción laboral na profesión veterinaria que serán tratadas no curso. A conferencia inaugural do curso será impartida polo catedrático de Medicina e Cirurxía Animal da Universidade de León e director do Centro Tecnolóxico de Inseminación Artificial (CENTROTEC), Juan Carlos Domínguez Fernández de Tejerina. A actividade consta dun total de 30 horas lectivas, e a matrícula pode realizarse a través da páxina web da Área de Cultura da USC.