Ir o contido principal

A USC organiza unhas xornadas para avanzar na inclusión das persoas con diversidade funcional no eido universitario

Cartel das xornadas ‘Universidade e Discapacidade. Favorecendo o coñecemento, fomentando a participación’
Cartel das xornadas ‘Universidade e Discapacidade. Favorecendo o coñecemento, fomentando a participación’
O curso, cuxo prazo de inscrición xa está aberto, celebrarase do 13 ao 15 de abril na Aula Magna da Facultade de Matemáticas

Co fin de desenvolver a inclusión das persoas con diversidade funcional dentro dos centros universitarios, o Servizo de Participación e Integración Universitaria da Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC organiza do 13 ao 15 de abril na Aula Magna da Facultade de Matemáticas as xornadas ‘Universidade e Discapacidade. Favorecendo o coñecemento, fomentando a participación’.
As sesións académicas, cuxo prazo de inscrición xa está aberto, tamén teñen como obxectivo desenvolver entre os asistentes as habilidades básicas para a actuación neste eido e desterrar estereotipos sobre as capacidades das persoas con necesidades especiais, continuando así con algunhas das cuestións tratadas con anterioridade no pasado ‘IV Curso de Formación Básica en Voluntariado’.
En xeral, nestas xornadas abordaranse temas como os retos do Espazo Europeo de Educación Superior cara a formación de profesionais con diversidade funcional, os protocolos de actuación con persoas con necesidades educativas especiais, as adaptacións curriculares ou o tratamento do alumno con diversidade funcional na Educación Secundaria, entre outros.
Ademais do desenvolvemento de varios talleres prácticos, o curso tamén acollerá a proxección da película ‘Inside I’m dancing’ e a presentación do centro de Documentación de Vida Independente por parte dun representante da Asociación AMBAR e membro do Foro de Vida Independente, Antonio Novoa.
Con máis de mil asistentes durante a anterior edición, estas conferencias e talleres organízanse en colaboración coa Xunta de Galicia, Bancaja, Once, Cogami e a Federación de Asociacións de Enfermos Mentais de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.03.2007.