Ir o contido principal

A USC outorgará a súa Medalla de Ouro ao Consorcio da Cidade de Santiago e á Deputación da Coruña

Trátase da máxima distinción da Universidade que recoñece a estreita colaboración con ambas institucións

A Universidade de Santiago de Compostela outorgará a súa Medalla de Ouro ao Consorcio da Cidade de Santiago e á Deputación Provincial da Coruña en recoñecemento “á súa extraordinaria contribución” ao sostemento e cumprimento dos fins da institución académica. Instituída como máxima distinción da Universidade, a USC decidiu outorgar estas dúas medallas nun acordo adoptado polo Consello de Goberno celebrado o pasado mes.
No caso do organismo provincial, a distinción subliña a colaboración mantida de forma continuada dende moito tempo atrás, “pero claramente intensificada nos últimos anos”. Neste contexto destacan os sucesivos convenios mediante os que a Deputación vén apoiando a organización de actividades culturais da USC e que inclúen diversas exposicións, os ciclos de música de cámara, a organización dos cursos de verán celebrados na provincia ou a actividade do Coro Universitario e da Aula de Teatro.
Tamén é subliñable o apoio prestado no capítulo de infraestruturas, participando no financiamento do edificio Nexus ou na reforma da piscina universitaria, entre outros.
ConsorcioPola súa banda, a implicación do Consorcio coa USC pasa polo apoio para execución de importantes proxectos como o Xardín Botánico, a Casa Europa e o Centro de Estudos Avanzados, así como a restauración do Paraninfo ou da Igrexa da Universidade.
Xa no ámbito da intervención cultural, o Consorcio e a USC editaron entre 1993 e 2003 de xeito conxunto trece publicacións, máis outras cinco subvencionadas, iniciativas ás que se suman a colaboración en diversas exposicións, o desenvolvemento do Programa ConCiencia ou o apoio prestado a Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.04.2009.