USC, Parlamento e Xunta de Galicia colaboran na posta en funcionamento do portal LexGal
O portal LexGal constitúe a maior base de datos xurídicos en lingua galega e preséntase como unha ferramenta de acceso gratuíto na que se poden atopar a totalidade de leis de Galicia, así como os decretos máis actuais e un elevado volume de ordes normativas da Xunta. As normas aparecen consolidadas, o que permite coñecer o texto vixente en calquera momento, tanto na actualidade como no pasado. Tamén incorpora un sistema de buscas e enlaces a publicacións oficiais e institucións que producen información xurídica de relevancia. LexGal é froito dunha colaboración entre a USC, o Parlamento galego e a Xunta de Galicia.
O portal acaba de presentarse publicamente nun acto no que participaron o titular do lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela; e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González; a secretaría Xeral da USC, Consuelo Ferreiro Regueiro e o profesor da Facultade de Dereito e co director do proxecto, Antonio López Díaz.
No acto de presentación, Miguel A. Santalices puxo en valor a colaboración entre as tres institucións implicadas no desenvolvemento de LexGal, “xuntos somos máis fortes”, e agradeceu o intenso traballo desenvolvido para a posta en marcha desta “ferramenta novidosa que permite centralizar nun único portal recursos xurídicos actualmente dispersos”. Na súa opinión, o portal xurde “con vocación de servizo á cultura galega e especialmente á nosa lingua”, dado que as ferramentas deste tipo existente ata agora só estaban dispoñibles en castelán e con contidos limitados en dereito galego.