Ir o contido principal

A USC participa nos actos que pechan o Ano Internacional do Voluntariado en Lugo

A USC participa nos actos que pechan o Ano Internacional do Voluntariado en Lugo
A USC participa nos actos que pechan o Ano Internacional do Voluntariado en Lugo

A USC, a través do seu Servizo de Participación e Integración Universitaria, participa este venres nos actos que pechan o Ano Internacional do Voluntariado en Lugo que organiza a Rede Lucense de Voluntariado. O programa comeza esta tarde ás 17.00 horas coa lectura dun manifesto na Praza de San Marcos e proseguirá con talleres simultáneos para nenos e nenas con materiais reciclados, un circuíto en cadeira de rodas e xogos de deporte adaptado, para finalizar coa obra de teatro do Grupo Down Lugo ‘ O club da comedia vial’ ás 19:30 no salón de Actos da Obra Social de Novacaixagalicia. As actividades están abertas a persoas de todas as idades que queiran sumarse a esta celebración, que este ano alcanza a súa quinta edición, e descubrir cales son as ‘11 maneiras de marcar a diferenza’ na recta final do Ano Europeo. Como en ocasións precedentes, cóntase co apoio institucional da Dirección Xeral de Xuventude e de Voluntariado, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da súa Área de Benestar e Deporte, así como das concellerías de Educación, Formación e Orientación Laboral; de Benestar Social, Igualdade e Xuventude; e de Servizos Sociais do Concello de Lugo, xunto coa Obra Social de Novacaixagalicia e a Fundación TIC. A Rede Lucense A Rede Lucense de Voluntariado, constituída formalmente no mes de setembro de 2011, continúa o seu traballo cunha programación de actos inclusiva que trata de fortalecer o voluntariado e a participación activa da cidadanía nos proxectos das organizacións sociais de Lugo. Conforman a rede, xunto coa USC, Aspnais- Asociación de pais ou titores de persoas con discapacidade intelectual de Lugo, Asociación Xuvenil Ateibo, Auxilia Lugo, Cáritas Diocesana de Lugo, Cogami Lugo, Asociación Down Lugo, Fundación Secretariado Xitano, Asociación Valponasca e a Fundación JuanSoñador.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.12.2011.