Ir o contido principal

A USC participa nun consorcio europeo que dará soporte á próxima xeración de programas de descubrimento de fármacos

Traballa nunha ferramenta web de carácter semántico que permite abordar cunha misión común as fontes de datos neste eido

A USC forma parte dun novo consorcio de organizacións europeas que busca dar soporte á próxima xeración de programas de descubrimento de fármacos a través de novas ferramentas web de carácter semántico que permitan unha visión común respecto das fontes de datos. Así, o consorcio Open Phacts (Open Pharmacological Concepts Triple Sotre), seleccionado e financiado pola Iniciativa Medicamentos Innovadores (IMI) reducirá as barreiras no proceso de descubrimento de fármacos coa aplicación de tecnoloxías semánticas aos recursos de datos dispoñibles e a creación dun Open Pharmacological Space. O Open Phacts ofrecerá unha visión común respecto das fontes coas que traballan os investigadores do eido farmacéutico. Na actualidade, as compañías deste sector invisten grandes esforzos, en ocasións incluso de modo duplicado, para unir e integrar información interna con fontes de datos públicas. Ademais é un proceso incompatible co tratamento informático integral imposibilitando a interrelación da extensa maioría de recursos de datos xerados no proceso de descubrimento de medicamentos. Como indica a representante da USC neste proxecto, a profesora Mabel Loza, o contexto actual imposibilita “a integración de gran parte de información esencial que facilitaría o traballo, achegando coñecemento e reducindo os prazos no proceso de descubrimento de novos medicamentos innovadores”. Os seus promotores consideran que Open Phacts propiciará que investigadores de todo o mundo capturen e distribúan datos e información nun formato semanticamente interrelacionable e de fácil acceso informático. Partindo da idea de que a capacidade de influencia das normas se atopa na súa adopción xeneralizada, o marco de información básica baséase nos principios do software libre, Open Access e Open Data, engade a investigadora da USC. Os esforzos iniciais de desenvolvemento centraranse no deseño dun prototipo que deberá estar rematado no prazo de seis meses. A experiencia obtida definirá o camiño na construción de datos e clasificacións atendendo á variedade de recursos existentes, tanto dos de carácter público como dos procedentes dos membros industriais do consorcio. Neste senso, Mabel Loza considera que o proxecto formula un grande exercicio de implicación e compromiso de toda a comunidade que traballa no descubrimento de fármacos, como provedores de datos, xestores de software, autores e produtores de bases de datos comerciais, con investigadores públicos e privados. A intención inicial do consorcio é, ademais, desenvolver un plan sostible para apoiar a continuación e sustentabilidade de Open Pharmacological Space máis alá do período financiado. O IMI A Iniciativa Medicamentos Innovadores (do inglés Innovative Medicines Initiative) é unha colaboración público-privado única entre a industria farmacéutica, representada pola Asociación Europea de Industria Farmacéuticas (EFPIA) e a Unión Europea, representada á súa vez pola Comisión Europea.

Cun orzamento total de 16,4 millóns de euros para os próximos tres anos, os socios da EFPIA proporcionará datos, coñecementos e ferramentas ao proxecto, mentres os socios académicos proporcionarán a experiencia e as capacidades obtidas da investigación farmacolóxica en publicacións, manexo de datos e web semánticas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2011.