Ir o contido principal

A USC participa no II Encontro de Orquestras Académicas de Coimbra

A USC participa no II Encontro de Orquestras Académicas de Coimbra
A USC participa no II Encontro de Orquestras Académicas de Coimbra

Organizado pola Universidade de Coimbra, a Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela (OUSC) participa esta fin de semana como convidada especial no II Encontro de Orquestras Académicas de Coimbra.

No concerto, a OUSC interpretará un programa que inclúe obras do Mestre Rodrigo e Händel e que finalizará coa obra ‘Variacións sobre un tema de Haydn’ de Johannes Brahms. Para o seu director artístico, Mario Diz, “este é un chanzo máis na marcha e desenvolvemento dun proxecto de música de amador que se consolida, coa finalidade de divulgar e fornecer a música na xuventude con formación musical e de divulgar a cultura sinfónica do entorno en Galicia e Compostela en particular”.

A OUSC conta cuns 55 interpretes e cinco profesores provenientes de diferentes entidades profesionais, dende conservatorios de música ata a Real Filharmonía de Galicia, sendo estes os que achegan experiencia e tradición aos participantes inscritos. A Orquestra funciona dende o ano 2011 reunindo á súa vez multitude de diferentes proxectos vinculados así como concertos en diferentes lugares de Galicia e Portugal.

En Coimbra a OUSC estará acompañada dos profesores de violíns primeiros e segundos Roberto Santamarina e Antía Diz, respectivamente, así como de Blanca Bello de viola, Carlos G. Amigo de violonchelo e Iago Lariño como profesor responsable de ventos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2018.