A USC participa nun informe sobre cumprimento normativo e integridade no sector público catalán
A Oficina Antifraude de Cataluña acaba de presentar o informe final do proxecto sobre 'Cumprimento normativo e integridade en entidades do sector público institucional de Catalunya', que expón o resultado da situación na comunidade dende a perspectiva da integridade nas entidades públicas empresariais e que ofrece 50 recomendacións dirixidas ás empresas públicas do sector público institucional de Cataluña, divididas en 14 ámbitos. Este estudo no que participa a USC ofrece un modelo de cumprimento normativo que contén os elementos esenciais útiles para o conxunto do sector público empresarial, para facilitar a implantación dos instrumentos de cumprimento normativo e integridade no seo destas organizacións.
O proxecto xurdiu mediante un convenio de colaboración que se iniciou en febreiro de 2020 e que se realizou nos últimos tres anos, no que participaron diversas entidades públicas empresariais de Cataluña co obxectivo de facilitar a súa implementación. Estas cooperaron mediante enquisas, entrevistas e talleres, que serviron para mostrar como está a situación nestes entes, fixeron suxestións para a mellora e para cumprir coas máximas esixencias de integridade. O estudo pretende conseguir que as entidades públicas teñan programas de cumprimento e plans de integridade rigorosos e implementados, ademais de suxerir a necesidade dun futuro observatorio para seguir a súa evolución.
No acto de presentación, participou a profesora de Dereito Penal da USC, Inma Valeije, quen subliñou que “as sancións ao código ético deben contemplarse no convenio colectivo, e o réxime sancionador debe ser máis imaxinativo para penalizar. Débese formar especialmente en mediación e valores éticos”. Nos últimos anos, xunto ao profesor da USC, Fernando Vázquez-Portomeñe, quen tamén participou no foro, Inma Valeije realizou enquisas ás entidades públicas participantes no estudo, entrevistas, talleres, ou xornadas para elaborar o devandito Informe.