A USC participa no último informe mundial da Plataforma Internacional de Biodiversidade e Servizos Ecosistémicos

Máis dun cento de especialistas de moitos ámbitos científicos, entre eles o profesor e investigador distinguido da USC Sebastián Villasante, traballaron na avaliación mundial de Cambios Transformadores para un Planeta máis sostible e xusto da Plataforma Internacional de Biodiversidade e Servizos Ecosistémicos (IPBES) que acaba de publicar un documento de avaliación global.
O informe do IPBES publicado en 2019 destacou que o Planeta está sufrindo un declive xeneralizado da biodiversidade sen precedentes, con potenciais consecuencias como a xeneración de novas pandemias como o COVID19. Para dar resposta a estes desafios expostos no primeiro informe, agora mais de 100 científicos e científicas dos catro continentes traballaron na Avaliación Mundial de Cambios Transformadores para propoñer solucións que sexan aplicables a todos os sectores da economía e sociedade.
O Grupo de Avaliación dos Cambios Transformadores elaborou así un informe global sobre os cambios transformadores necesarios para acadar transicións de cara futuros sustentables no ano 2050 compatibles co mantemento da biodiversidade do Planeta o os obxectivos do desenvolvemento humano, en todos os sectores da economía (agricultura, pesca, enerxía, turismo, etc.). A avaliación do IPBES céntrase nas distintas dimensións do cambio transformador que contribúen á Visión para a Biodiversidade 2050 e considera os desafíos e as barreiras para facer realidade ese cambio transformador.
Para superar estes desafíos, a avaliación destaca que non se trata só do que a xente fai, en termos de estratexias e accións, senón tamén de como o fai, en termos de principios e cambios de visión, estruturas e prácticas, tendo en conta as distintas visións, cosmovisións e valores. A orientación práctica describe como as persoas responsables da toma de decisións, o sector empresarial, a sociedade civil, os pobos indíxenas e as comunidades locais, así como toda a cidadanía, poden utilizar as mensaxes e as evidencias recollidas na avaliación para implicarse no cambio transformador cara a un mundo xusto e sostible.
As persoas autoras revisaron máis de 10.000 comentarios achegados por gobernos nacionais e crearon, por primeira vez, un corpus de literatura con mais de 4,5 millóns de referencias relacionadas cos cambios transformadores e unha base de datos con máis de 400 casos de exemplos transformadores e promisorios, varios deles desenvolvidos en Galicia como o Comedor 360º de restauración colectiva da empresa Inditex en Coruña.
A USC, no informe
En concreto, Villasante coordinou o capítulo 2 do Informe, que explora visións e procesos de desenvolvemento de visións para cambios transformadores na sociedade. Entendidas as visións como estados futuros desexables da natureza e das persoas, moldeados por valores e cosmovisións, que Inclúen propósitos, obxectivos e esforzos intencionados para acadar eses estados futuros.
Tal e como consta no informe, a diversidade de visións ilumina a interdependencia dos seres humanos coa natureza para acadar un mundo xusto e sostible e axuda a orientar as políticas públicas e as persoas responsables da toma de decisións nas transformacións necesarias para afrontar a perda de biodiversidade e o declive da natureza.