Ir o contido principal

A USC participa no programa Stellae 5.0 para achegar á sociedade o patrimonio do Camiño de Santiago a través da dixitalización

Un momento da presentación do evento. FOTO: Red CRUSOE
Un momento da presentación do evento. FOTO: Red CRUSOE
A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, asistiu á presentación desta iniciativa na que participan institucións e entidades de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León

A Universidade de Santiago de Compostela cóntase entre os socios que impulsan o programa Stellae 5.0, Patrimonio Cultural Dixital Vinculado ao Camiño de Santiago, que se presentou este venres 1 no Edificio Fontán na Cidade da Cultura de Galicia, con asistencia de representantes dos gobernos de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela a León, da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE), do Clúster TIC de Galicia, do Clúster Audiovisual de Galicia e da firma tecnolóxica NTT Data. A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, asistiu en presentación do reitor da USC, Antonio López.

Co lema ‘De moitos para todos’, Stellae 5.0 é un proxecto de participación público-privada para a universalización do patrimonio cultural. O seu obxectivo principal é impulsar a reactivación económica e a xeración de emprego aproveitando recursos do patrimonio cultural do sur de Europa e, en particular, os vinculados ao Camiño de Santiago. Todo a partir do coñecemento universitario para poñer en valor o patrimonio cultural da macrorrexión e, a través da dixitalización, promover a súa universalización e favorecer a súa conservación.

No evento, os representantes das comunidades de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León impulsaron un marco de colaboración para a consecución do financiamento necesario que lles achegue valor engadido ás políticas establecidas por cada unha das comunidades autónomas no ámbito da dixitalización do patrimonio cultural. En concreto, o acordo buscaexplorar vías de financiamento a través do desenvolvemento de proxectos de cooperación baixo os programas e iniciativas existentes.

O primeiro obxectivo do programa é o desenvolvemento das accións pertinentes ante o Ministerio de Economía e a Secretaría de Estado responsable da xestión dos fondos europeos Next Generation destinados á transición dixital da economía, para a captación de dezaseis millóns de euros cos que poder xerar os primeiros casos prácticos na dixitalización (xemelgos dixitais), a formación e o emprendemento, que complementen, amplíen e se coordinen coas políticas que desenvolven os catro gobernos autonómicos. Tamén terá como obxectivo incrementar a rede de entidades participantes no proxecto e establecer unha canle abierta de comunicación entre as entidades.

A vicerreitora María José López Couso asistiu ao evento en representación da USC. FOTO: Red CRUSOE
A vicerreitora María José López Couso asistiu ao evento en representación da USC. FOTO: Red CRUSOE
Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2023.