A USC participa no proxecto sobre os efectos do cambio climático na acuicultura en España
Investigadores da Universidade de Santiago forman parte do proxecto AQUADAPT ‘Plan de Adaptación do sector da acuicultura mariña española ao cambio climático’ que lidera Campus do Mar e no que tamén participan a Universidade de Vigo, o Clúster de Acuicultura de Galicia ou o Centro Tecnolóxico de Acuicultura de Andalucía.
O proxecto, cuxo fin é contribuír á adaptación do sector da acuicultura mariña -rodaballo, dourada e robaliza- aos efectos do cambio climático no territorio nacional, presentarase publicamente o 28 de novembro nun acto que coincidirá coa semana de celebración do Día Nacional da Acuicultura, unha iniciativa posta en marcha polo Observatorio Español de Acuicultura e que vai xa pola súa sexta edición.
Nese acto de lanzamento haberá unha mesa de debate que, entre outros, contará coa presenza de especialistas no ámbito da acuicultura como os docentes da USC Alicia Estévez Toranzo, do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía, e Sebastian Villasante, de Economía Aplicada. Nese encontro presentarán os aspectos principais do notable efecto do cambio climático na acuicultura, unha ameaza que é o resultado dun proceso de cambios a escala global provocado por un quecemento gradual do planeta.
O proxecto AQUADAPT conta co apoio da Fundación Biodiversidade e do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e enmárcase no LIFE IP INTEMARES ‘Xestión integrada, innovadora e participativa da Rede Natura 2000 no medio mariño español’.