A USC participa nun proxecto europeo para avaliar ecolóxica e economicamente os impactos do lixo mariño nos océanos

A Comisión Europea financia con medio millón de euros o proxecto NetTag para o estudo ecolóxico e socioeconómico do impacto do lixo mariño nos mares. Nel participa un equipo da USC, encargado da avaliación socioeconómica, formado polos profesores de Económicas Sebastián Villasante e Manel Antelo e os investigadores Pablo Pita Orduna e Joao Garcia-Rodrigues.
O proxecto ‘NetTag-Tagging fishing gears and enhancing on board best-practices to promote waste free fisheries’ coordínao a investigadora portuguesa Cristina Ribeiro, do Centro Interdisciplinar de Investigación Mariña e Ambiental (CIIMAR) do Porto, e ademais da USC participan as Universidades de Aveiro (Portugal? e Newscaste (Reino Unido); o Centro de Robótica e Sistemas Autónomos (CRAS); o Royal Lankhorst Euronete Group, e a Cooperativa de Armadores de Vigo.
Ademais de avaliar os impactos nas costas de Portugal, Galicia e Reino Unido, NetTag deseñará innovadores métodos tecnolóxicos para detectar, recuperar e reducir o número de artes de pesca no mar. Os resultados contribuirán a cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas (2030), o Global Partnership on Marine Litter e a Estratexia de Honolulu, a Directiva Marco da Estratexia Mariña Europea (MSFD) e a iniciativa da economía circular da Unión Europea.