Ir o contido principal

A USC participa nun novo proxecto europeo para avaliar o risco do cambio climático nos océanos

Imaxe de Dimitris Vetsikas en Pixabay
Imaxe de Dimitris Vetsikas en Pixabay
O proxecto MORAI, financiado con 8 millóns de euros, está coordinado pola Universidade Técnica Nacional de Atenas e liderado desde CRETUS polos docentes María Teresa Moreira e Sebastian Villasante

Un equipo composto por 15 institucións de 6 países europeos, entre as que figura a Universidade de Santiago de Compostela, reunirá forzas durante os vindeiros 42 meses no proxecto MORAI-‘Multiscale Ocean models and Information for climate Risk Assessment and Impact mitigation’, que desenvolverá novas solucións para reducir e mitigar os efectos do cambio climático no medio mariño. MORAI está coordinado pola Universidade Técnica de Atenas (Grecia).

Este proxecto europeo de investigación, financiado con 8 millóns de euros, irá máis aló do estado actual da técnica e abordará a necesidade de modelos oceánicos perfeccionados para as predicións e proxeccións climáticas, a fin de garantir a eficacia e sustentabilidade das estratexias de mitigación e adaptación ao cambio climático. O seu marco de aplicación será o Océano Ártico europeo, o Mar do Norte e o Mediterráneo, e poderá reproducirse en todos os mares europeos. Construirá así os futuros servizos climáticos e de riscos oceánicos mediante a integración das mellores prácticas dos modelos operativos nacionais e de Copernicus existentes.

MORAI tamén creará indicadores fiables e complementarios do estado dos océanos e holísticos para avaliar a resistencia dos ecosistemas e a economía azul. En suma, proporcionará unha ferramenta práctica para construír unha xestión sostible das zonas costeiras e garantir a reacción dos usuarios finais.

Desde o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC, os profesores Maria Teresa Moreira e Sebastian Villasante coordinarán as tarefas relacionadas con modelos de ciclos de vida e de resiliencia costeira. MORAI tamén conta coa participación española do Centro de Supercomputación e a Iniciativa Internacional Ecopath con Ecosim de Barcelona.

Definir a resilencia
Os ecosistemas e as comunidades costeiras enfróntanse a retos diversos e acumulativos debido aos impactos actuais e futuros do cambio climático (vulnerabilidade física). Adoitan estar densamente poboados e moi explotados para as crecentes actividades relacionadas coa economía azul (vulnerabilidade económica/financeira) e as desigualdades sociais solen caracterizar a demografía das comunidades costeiras, o que reduce a súa capacidade de adaptación e resposta aos impactos do cambio climático.

A resiliencia integrouse nos obxectivos de xestión de organismos como a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura ou o Banco Mundial así como nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e desempeña un papel central no Marco de Sendai 2015-2030 para a Redución do Risco de Desastres. Na actualidade, aínda que se incorporou a algúns marcos estatais, non existe unha definición común nin un marco europeo global para a resiliencia.

De aí que CRETUS contribuirá ao proxecto MORIA liderando dúas tarefas principais, como son o uso do enfoque do ciclo de vida, tendo en conta as avaliacións medioambientais e económicas, e o uso do marco existente de cuantificación da resiliencia 3R (resistencia - recuperación - robustez) que se adaptará a fenómenos climáticos, comunidades e usuarios finais dos casos de estudo do proxecto.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.07.2024.