A USC participa nunha rede europea para a prevención das enfermidades con maior mortalidade

A Universidade de Santiago participa na rede SPAN (Science for Prevention Academic Network), proxecto que reúne a 32 universidades e institucións de toda Europa para previr as enfermidades que ocasionan maior mortalidade e máis preocupan á sociedade, tales como o cancro ou as enfermidades cardiovasculares. Son doenzas, en moitos casos, asociadas a estilos de vida inadecuados como o consumo de tabaco, alcol, drogas, falta de exercicio físico ou malos hábitos alimenticios, entre outros. Ademais, esta colaboración internacional prestará atención á prevención dos trastornos mentais e do comportamento, como a depresión, a ansiedade ou os problemas de conduta. A pesar da súa relevancia, sinala o profesor da USC e integrante da rede Elisardo Becoña, so unha pequena parte dos orzamentos nacionais de saúde se destina a previr estes importantes problemas de saúde. A Comisión Europea financia esta iniciativa que permitirá a un importante grupo internacional de científicos dedicados á ciencia da prevención construír un novo campo que facilite a prevención das enfermidades físicas e trastornos mentais e do comportamento con maior incidencia dende o punto de vista da mortalidade ou a morbilidade. Esta iniciativa atópase tamén ligada aos traballos da EUSPR (European Society for Prevention Research). A primeira xuntanza do proxecto SPAN acaba de celebrarse en Oxford, coa asistencia de todos os membros do proxecto. De España participan ademais da USC a Universidade de Oviedo e, como avaliador externo, a sociedade científica europea IREFREA, con sede en España. Na institución compostelá o proxecto está liderado polo catedrático de Psicoloxía Clínica, Elisardo Becoña, e pola profesora da mesma área Ana López.