A USC participa en Salamanca no I Congreso da Rede de Universidades polo Clima
A Universidade de Santiago, a través da Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, participa esta semana no I Congreso da Rede de Universidades polo Clima, que está a ter lugar en Salamanca. A coordinadora do Plan, Dora Blanco, participa este venres 9 nunha mesa redonda sobre o voluntariado ambiental nas universidades.
O principal obxectivo deste encontro, organizado pola Rede de Universidades polo Clima, é presentar as experiencias que as universidades españolas, dende os seus ámbitos de investigación, xestión e docencia, desenvolven para avanzar tanto no estudo como nas accións de mitigación do cambio climático.
A Rede de Universidades polo Clima é un proxecto financiado polo Ministerio de Medio Ambiente e coordinado pola Fundación Iniciativas Locales de Salamanca no que participan oito universidades españolas. Xunto á de Santiago intégranse as de Granada, Autónoma de Madrid, Sevilla, La Laguna, Pablo de Olavide, Salamanca e Zaragoza.
A USC na Rede de Universidades polo ClimaTamén no marco da Rede, a USC realizou o pasado mes de outubro, e baixo a dirección do profesor Ramón López, unha auditoría enerxética con alumnos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado do Campus de Lugo na que se trataba de reflexionar sobre os impactos ambientais asociados á xeración e consumo de enerxía. Paralelamente á auditoría instalouse no centro unha mesa informativa sobre a Pegada Ecolóxica.
Tamén en outubro realizouse en Santiago un seminario de traballo no que estudantes, PDI e PAS discutiron sobre posibles medidas que a USC pode desenvolver para minimizar o impacto ambiental asociado ás súas actividades cotiás.