A USC dá un paso máis na redución da estrutura departamental
O Consello de Goberno da Universidade de Santiago deu este martes o seu visto bo á segunda fase do proceso de redución da súa estrutura de departamentos de cara a unha optimización dos recursos existentes para unha maior eficacia na xestión administrativa. Avánzase así na redución de 76 departamentos a 61 –proponse agrupar 27 en 12–, o que supón un adelgazamento do 20 por cento e un aforro de gasto de case 120.000 euros anuais. Ao remate do proceso a finais de xaneiro prevese unha redución total de arredor do 40 por cento sobre a estrutura departamental actual da USC.
Logo da xuntanza de hoxe fusionaranse ou integraranse os departamentos de Álxebra con Xeometría e Topoloxía; Análise Matemática con Estatística e Investigación Operativa; Anatomía e Produción Animal con CC Veterinarias; Dereito Mercantil con Dereito Público Especial; Didáctica das CC. Experimentais con Didáctica da Lingua e a literatura e con Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal; Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica con Farmacoloxía; Filoloxía Francesa e Italiana co departamento de Latín e grego; Fisioloxía Vexetal con Bioloxía Celular e Ecoloxía; Lingua española con literatura española, teoría da literatura e lingüística xeral; Lóxica e Filosofía moral con Filosofía e Antropoloxía Social; Socioloxía con Ciencia Política e da Administración; Xenética con Zooloxía e Antropoloxía física.
Excepcionalidades
Neste proceso de estruturación acordouse ademais a excepcionalidade de dous departamentos, os de Patoloxía Animal e Xeografía, que polas súas características singulares continúan mantendo a súa identidade como única unidade organizativa.