A USC pecha o 31 o prazo para solicitar prácticas profesionais en empresas e institucións europeas a través do Europracticum VII
A Universidade de Santiago de Compostela pechará o vindeiro xoves 31 de outubro o prazo para solicitar prácticas profesionais remuneradas en empresas e institucións europeas a través do Europracticum VII, un proxecto de mobilidade laboral e inserción no mercado de traballo dos titulados da USC que se encadra dentro do Programa Leonardo da Vinci da Unión Europea e que nesta nova convocatoria ofrece un total de 78 bolsas de prácticas remuneradas.
As persoas interesadas en obter unha das 78 bolsas ofrecidas nesta nova convocatoria do Europracticum, un proxecto promovido pola Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo en colaboración co Consello Social e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, poderán facer a súa inscrición ata o 31 de outubro na web http://www.usc.es/gl/goberno/csocial/europracticum/titulados/formulario.html. A nova convocatoria de prácticas laborais en empresas e institucións europeas a través do Europracticum VII, cuxa disposición orzamentaria acada os 340.000 euros, está aberta á participación daquelas persoas que acadaran unha titulación universitaria na USC desde xaneiro de 2007 ata setembro de 2013, ambos incluídos. As persoas candidatas a participar como bolseiros nesta sétima edición do Europracticum non poden ter máis dun ano de experiencia laboral relacionada coa súa titulación, ao tempo que deberán coñecer un idioma do país de destino. As persoas que xa gozaran doutra bolsa do Programa Leonardo da Vinci tamén quedarán excluídas desta convocatoria. Duración das estadías, retribucións e destinos O período de duración das estadías de prácticas profesionais remuneradas ofertadas prolongarase durante 24 semanas. A achega económica das bolsas destínase a sufragar os gastos de viaxe, aloxamento e manutención, mentres que a súa contía varía en función do destino. Así, a dotación das bolsas vai desde os 2.716 euros no caso de Turquía ata os 4.888 para os beneficiarios/as que completen as estadías laborais en Noruega. As prácticas ofertadas nesta convocatoria poderán desenvolverse en máis de 400 empresas e organizacións europeas e universidades emprazadas en calquera dos 27 estados membros da Unión Europea, así como nos países que xa teñen solicitada a súa adhesión (Croacia, Turquía, Islandia e a antiga república iugoslava de Macedonia). Estas estadías enténdense como complemento de formación, polo que o cometido a realizar polo bolseiro estará ligado coa súa titulación. O obxectivo primordial que pretende o Europracticum é que os titulados universitarios beneficiarios deste programa de mobilidade laboral por Europa adquiran novas competencias, coñecementos e cualificacións para mellorar o seu desenvolvemento persoal e profesional. A aprendizaxe de linguas estranxeiras e a mellora da cooperación entre o tecido empresarial e os centros de educación tamén figura entre os cometidos dun proxecto que botou a andar na USC no ano 2001. O éxito deste programa radica tanto no elevado nivel de inserción laboral que acadan os bolseiros, xa que un 40% dos beneficiarios do Europracticum reciben logo unha oferta laboral da empresa e/ou institución na que completaron as prácticas, como na calidade e relevancia dos destinos ofertados. Así, a técnico de orientación laboral do campus de Lugo e xestora do programa Europracticum, Gloria Cruz Amil, salienta que este programa “constitúe unha moi boa oportunidade de inserción laboral para os titulados da USC”. Nesta sétima edición do Europracticum participan como socios de acollida empresas e/ou institucións de máxima relevancia, como son British Museum, Tate Gallery, Entel UK, National Oceanographic Southampton, Oxfam Internacional, no caso do Reino Unido; Augas e Parque Biolóxico de Gaia, Fundaçao Calouste Goulbequian e Jardim Botanico de Ajuda, en Portugal; Unilever en Holanda ou o Trinity College en Irlanda. Euroécole e FF Solar enerxías renovables, en Francia, Fricke und Mallah Microwave Technology e Nal von Minden, de Alemaña, son outras das compañías que recibirán bolseiros do Europracticum VII. Proceso de selección Unha vez que as persoas interesadas formalicen a súa pertinente inscrición nesta nova convocatoria do Europracticum, os/as candidatos/as deberán realizar unha proba de idioma a escoller entre inglés, italiano, alemán, francés e portugués. As persoas que presenten a certificación oficial acreditativa do coñecemento do idioma estranxeiro quedarán exentas desta proba. Un curso de habilidades sociais e técnicas empresariais e unha entrevista persoal poñen fin ao proceso de selección.